PacoRubinos.com Publicacións
Browsing all posts in: Poesía

A Morte en Galego

diciembre 2

Fuches ti

a miña primeira elección consciente,

empurrado pola angustia

da morte certa

e a palabra como balsamo:

cura dos meus medos.

Fuches a vontade absoluta de ser,

e por ti formouse

todo o meu pensamento.

Lingua que me diches todo

na vida…

como podo eu renegar de ti

na eternidade.

 

RELACIÓN

noviembre 17

Quixen verdes amapoulas

nos aneis da túa boca.

Mais ti dixeches: BASTA!

E deixei que a túa VONTADE

fose imaxe absoluta

de todo

canto arelaba.

No teu portal doadamente

dixen cinco palabras:

Adeus

Entendo

Non

Pasa

Nada

que dicir da Poesia

febrero 8

Que dicir de ti:  que estando cego

non deixas de mimarme,

“Mi mamá me mima”

nin de revirar nos meus miolos

e alongar calquera verso.

Que dicir de ti,

cadaleito e vida

na mesma lata de conservar,

de turrar polas verbas,

en verdade xogo delas,

que rebentan na miña alma,

dando éxtase e dor do mesmo xeito.

Que dicir de ti,

que agromas no meu ser

cando menos te covizo…

Non hei dicir máis cousa de ti, xa que remata a folla,

e, coma sempre, eu ficarei inconcluso,

entre o xúbilo e a dor inmensa.

COAS IDEAS

febrero 19

Coas ideas

hai quen fai un rico caldo

que logo disimulando

dá a beber.

Coas ideas

hai quen fai revolto

cos ovos alleos

dos que van ledos comer.

Coas ideas

hai quen fai ensalada

co rabioso vinagre

que na xente cultivou.

E nesta ben posta mesa

Uns cantos hai en número

que coas ideas

porcos e fartos son

FONDO PENSAR

febrero 4

Distráeme da existencia

FONDO PENSAR,

Labra cos mesmos signos de sempre

Os sulcos do meu cerebro,

Que a vida é outra cousa.

E lévame de vagar

Por ises camiños de soños

Que agardan impacentes

Ó meu insistente lembrar.

Recolle o que ti creas a ben deixarme,

O pouso que mañá restará ou dará folgos

A esa vontade que agacha

Ruinas e orgullos eternos.

 

 

AI!!!

enero 28

Tenra infancia

vellez prematura

niño seguro

de inclemencias e medos.

Lisca e refuga

pesa e despesa

a dor dos cartos

que a tantos ofende.

Tenra infancia

vellez prematura

pecha os ollos

e escoita

como ruxen feros

os teus soños.

 

TRAZOS

enero 21

Difícil empezar a soñar

         cando non durmimos,

         os ollos fican abertos

         e son xoguetes consentidos.

         Xa só ven imaxes

         nos universos perseguidos,

         de brancura, de rimas, de poemas,

         nestes de tinta trazos tecidos.

MATEMÁTICAS COMA PUÑOS

enero 14

Caeron as follas

dun outono estercado

de desolación e morte erma.

O sol, moi baixo xa,

pouco quenta o corpo

e convida ó alcol, fel sustituto.

Todo isto pasa no mundo

mentres a sabiduría dun que se foi

serve de ferramenta

para que un aínda non perda

o seu cómico orgullo.

A sabidoría dun que se foi

hai tantos anos…

Se hoxe, nos soños, ves buscarme

non haberá viño dabondo

para calmar esa sede fera,

e coma sempre, eterna.

                                   A Agapito, ademais de matemáticas ensinoume a ser máis humano.

RAIOLA VERDE

diciembre 17

Raiola verde

corazón,

venme buscar á noite.

Cólleme da man

e lúceme entre as máis fermosas cores.

Paseemos na túa luxosa limusina

e coa fiestra de opaco cristal baixada

asomemos a testa

para espertar a vivos e mortos.

Eiche aprender un berro novo,

un son que niguén coñece,

e cando todos asombrados

se contaxien da nosa maxia

fuxiremos a camulo das nubes

ata esquencernos da eternidade.

A ROSA

diciembre 10

A Rosa, compañeira e amiga.

 

Na Moniña viches de mañá

 a derradeira luz do día.

 Rodeada dos teus e de lavanda,

 de figueiras e castiñeiros.

 Había rosais fermosos e puros

 no teu xardín Rosa,

 tan fermosos e puros

 como o agromar das verbas

 pronunciadas polos teus beizos

 en milleiros de loitas

 a prol dos dereitos humanos.

 Que lembrar de ti

 senón aqueles ollos pícaros

 de amor e comprensión

 por unha humanidade indefensa.

 Gardo na memoria, Rosa,

 o tesouro que ti me deches

 e as cores das que os dous gostabamos.

RAPOSA

diciembre 3

Raposa que deixas a pegada nos piornos

         para quen cheire o teu desafío

         e roube a túa camada que morre famenta.

         Raposa que buscas resposta nos rostros

         laiando o teu grande desatino,

         por mirar de ser quen sementa.

         Rexerá o teu fado vougo roído

         a cantiga que soa na sufrinte terra,

         o esterco da vida crebada no lombo,

         illa viciosa que gustaría do tolo que berra.

         Doente raposa feiteceira do trono,

         é o que tes un camiño choído,

         abafa na carreira para ficar nun porto,

         lene ollarás para o vento ferido

         se alguén escribiu agachado na serra,

         e non foi outro poeta elexido

         mellor co que morre afogado no choro,

         primeiro que desvirga e o que máis rabea.

         Raposa cheirenta que eu sempre morro,

         enredei na vida, meu camiño querido,

         velaí meu soño, ousada parella,

         outrora agarimoso amigo consentido,

         laiante coma ti, coma o vento rumoroso,

         tremante, louco, temeroso semella.

         Arrebuñamos na prebe do eterno carozo,

         raposa raposeira do que temos posuído,

         alá vai a historia, máis intelixente por vella.

A TERRA NON VIRA

noviembre 26

Voltará lene encamiñar

a terra ferinte,preta,

fortalecida no entendemento

que apagará fames

que xostregan a esperanza.

O tempo vai cachazudo

na procura da grande espera,

e rompe,abafando,

a faceira da liberdade

que agarda no pensamento.

E estraga toda razón,

murcha o medo agachado,

amola desafiando ren

mentres a historia atende.

Ó abrigo dos negociantes

a caridade espectaculo

sosega ás simples conciencias,

o concepto mudaba de dono

mentre o grande muro morría.

A solidariedade é agora capital

nos grandes centros de finanzas,

e a coca e o teléfono

van arranxar o grande desatino.

Voltará lene encamiñar

a terra ferinte,preta,

virará a morte cara nós,

nosa inseparable compañeira.

CRISE

noviembre 16

Podo ensombrar os cristais

         sen a presencía da noite,

         bastan as feras ideas

         que a traer están a morte.

 

         Non hei forzar máquina,

         nas entrañas,desfeita, queda a miña,

         quiza que fora por unha lembraza

         que sempre volve sen ser querida.

 

         Lixeira vai a guitarra

         das miñas mans perseguida,

         garda grandes silencios

         coma a ialma resentida.

LEI

noviembre 5

A que pon a traba, Lei.

         A que pon o consentimento,Lei.

         A que di o que é un aceno, Lei.

         A que di quen se somete ó tempo,inxenuo, Lei.

         Haberá Lei do sereno.

         Haberá Lei do violento.

         Haberá longa teoría.

         Haberá ciencia, negatif-positif,falso-verdadeiro.

         Ciencia cuadriculada, Lei.

         Intelixencia sometida,Lei.

         Entelequia da moral ¿que é o que debemos?, Lei.

         Noxo ó que se saia da Lei, Lei.

         Consentimento do máis livián que nos oprime, Lei.

         Iniciativa dos tontos autolimitados, Lei.

         Aparello para coller a historia, Lei.

         Principio da primeira realidade.

         Alquimia máxica dunha mitolóxica condición.

         Respostas medidas, Lei.

         Asombros socialhistéricos, Lei.

         Obras programadas,Lei.

         Sometimento informativo, Lei.

         Obstrucción ó non-científico, Lei.

         Oblicuidade emocional, Lei.

         Transitividade amatoria, Lei.

         Razón cargada de historia, Lei.

         Holocausto da idea infinito, Lei.

         Seguir, vivir, comunicar e morrer, Lei.

QUEN FORA

octubre 29

Quen fora para fóra

         soñar coa Aurora

         e mecer na súa luzada

         os ollos prisioeiros.

         Quen raiou a raia

         que se fixo na praia

         para marcar a fronteira

         das palabras ceibadas.

         Quen rachou a racha

         que dibuxou a facha

         que levaba o fado

         no devir do tempo.

         Quen roubou o roubo

         que endexamais se soubo

         daquela sombra compartida

         no verán mentireiro.

         Quen laiou o laio

         que naceu sicario

         da vontade serea

         que outros provocaron.

         Quen cantou a canción

         que por precaución

         ficou estrañamente esquencida

         asulagada polo medo.

         Quen soñou o soño

         que chorando eu poño

         no cabo da vida.

 

CADA QUEN

octubre 22

Contan que unha estrela guía a cada home,

         polos tempos que medimos unha naceu

         con cada preñe.

         Contan que se a estrela é moi brillante

         alumeará palabras novas

         que enxendrarán outro universo.

         Contan que se cada quen sabe da súa

         poderá posuír a existencía eternamente,

         e o futuro ficará nunha argallada.

         Contan que o tempo só se concibe na ignorancia

         dos astros ós que se pertence

         por designio da idea.

         Contan que a mentira podreceu na espera

         da verdade incuestionable

         que nos ceos se soubo sempre que moraba.

         Contan que quen morreu agardando

         marchitou un sol dunha terra

         que non chegou a estar verde.

         Contan que outros non ficaron quedos

         e botándose á busca no deserto

         atoparon no azul unha resposta.

         Contan que non ten que ser noite

         para ollar para as estrelas

         que por nós atenden.

         Contan e contan tantas cousas

         que no ceo se acubillan

         para virse agachar, máis tarde, ás nosas testas.

CANDO O TEU NOME SOA

octubre 15

Chora o vento descrido

         cando o teu nome soa.

         Choran salgados ríos

         que arrasan a terra vosa.

         Cando o teu nome soa

         carraxe desborda a boca,

         maldición que vén de sangue

         a mollar as vosas roupas.

         Os desta banda cheos de medo

         refuxiámonos na indecente arte

         cando o teu nome soa,

         e choramos coma o vento,

         bruamos nos tristes soños.

         Arrepíos nos leitos febles,

         congoxa nas mans tendidas,

         caridade televisada

         cando o teu nome soa.

         Agora quen pode emigra

         como antes fixeron outros,

         o que non,matará o irmán

         ou sen piedade ficará morto

         cando o teu nome soa.

         Sigo a berrar na soidade,

         pacífica e sen rancores,

         nada espero de ti no tempo

         e murcho eu vou ficando

         cando o teu nome soa.

A MEDIDA

octubre 8

Creamos a medida,

primeiro foi espacio,

logo tempo.

A imaxinación emborcou

sobre a terra quente,

e o pelo caeu

ata deixar ver unha pel suave.

Creamos canto nos arrodea

sen máis pretensión

que a de encher de cousas o número,

tan vacio, tan lonxano.

E de súpeto veu o medo,

o terror desconsolado

de non entender o que fixemos.

AFROUXOU O PENSAMENTO

octubre 1

Afrouxou a corda do pensamento,

ceibou a imaxinación lueira,

buliu polas pantasmas da historia

e foi caer no incontrolable desexo

do lume do inferno,

a desolación dos tempos que murchan

as cousas do feble sentimento.

Non chega con pechar as orellas

ás verbas que feden a morte,

non chega con pechar os ollos

ó sangue que nos pringa vergoñento,

non chega con abrir as mans

para entregar superfluo consumismo.

Velar a vida é, ten que ser, moito máis.

A morte xa atende dela mesma no cadaleito.

Afrouxou a corda da esperanza,

laiou a besta no outeiro milenario,

está presa do seu propio pesadelo,

asolada polo medo imposto sen remedio.

¿Quen dará co berro, agardado

pola humanidade sempre agachada

no corazón senlleiro de cada home?

¿Quen será recoñecido pola historia

para ser salvador da nosa enxulla,

do lene esquencemento da ruindade?

É o vento que me lembra o que non vivo,

e o que vivo se me amosa nesta cuita.

 

A UNHA CUARTA DE TI

septiembre 24

   A unha cuarta de tí

o mundo vira

e os beizos nadan

na zona dos corpos que se derreten.

A unha cuarta de tí

o tempo fai formas

que converten a vida no eden

de dous amantes eternos e incombustibles.

A unha cuarta de tí

só existe a gloria

de contemplar a tua boca

e morrer de amor

docemente.

Xullo 2010. Paco  Rubinos

Mecerte

septiembre 17

Mecerte de noite

ou de amañecida.

Mecerte en silenzo

ou na xolda da vida.

Mecerte a modiño

no leito deitada

ao carón das nubes

e de madrugada.

Mecerte a correr

sen ningún respiro.

Mecerte e mecerte

ata o desvarío.

Xullo 2010. Paco