versos para monfortinos
DAZASEIS POEMAS DE AMOR SEN CANCIÓN.
A MONFORTE.
-Ó ARSENIO-
Xun, Xun, son o conde de Le…mos
Xun, Xun, Arsenio Alvarez Pedri…do
No rio Cabe de ferro,
Embaixo da Ponte Nova
Apareceu meu cadavre
Cun sorriso nos bei…zos
Xun, Xun, son o derradeiro con…de
Xun, Xun, chamado o Ca…ñon
Porque toda a metralla
De verbas e xeitos
Levaa no peito
Botabaa co corazón.
Xun, Xun, pasaron os a…nos
Xun, Xun, agora eiquí estou
Por medio do Pa…co
Poeta maldi…to
Que foi quen de escoitar…me
Moitas das miñas preferidas canci…óns
Xun, Xun, Mejico lindo y boni…to
Xun, Xun, si muero lejos de… ti
Xun, Xun, que digan que estoy dormi…do
Xun, Xun, y que me traigan a…ti
Xun, Xun, Monforte lindo e boni…to
Xun, Xun, se morro lonxe de…ti
-O JACO E A PARCA-
Pola Ponte Vella
Levei o branco corcel
A pacer entre salgueiros
A descansar ata morrer.
Á beira do Cabe querido
Sentín o corazón bater
O bombeo do sanque revolto
Era bon cabalo aquel
Canta xente me miraba
Sentín a alma renxer
Centos de anxos viñeron
Prestos a me socorrer
Pola Ponte Vella
Na ribeira do Cabe querido
Onde o camelo pariu potros
Alí onde se perdeu tanto sentido
Esa ponte, esa ribeira
Tan miñas coma túas
De tanta vida, de tanta morte,
Son testemuña.
O ARRECENDO
Era aquel arrecendo
A molladura ácida
A sardiñas asadas no Alegría
A barrica vella
De escumoso viño
Era aquel arrecendo
A aserrín no húmido chao
Da comprice brétema,
Frio intenso,
Calor no peito e nas palabras
Era aquel arrecendo
A vómito compartido
Mexadas abundantes
E limóns murchos
Nas fondeiras dos vidros esnaquizados
Era aquel arrecendo
A suor adolescente
Nos portais escuros
Con calados bicos
Maos ardentes
Era e É aquel arrecendo
O que estará en min eternamente
A FE
Naqueles buratos
No mirto
Había fe.
Nas espionaxes perfectas
Dos vaqueiros dos maiores,
A música sen luz
Cheiro a incenso
Había fe
Nos tres acordes malditos
De verbas que non entendiamos
Había fe.
Había fe
No fume do costo
Na nube branca de polvo
No regusto a amoníaco
Daquela propaganda de bermes.
Había fe
Nas miradas mudas, enxoitas,
Nos acenos calados, mentiras,
No doado diñeiro, calote.
Na vida libre,
Nos balados ruinosos
Na violenta tranquilidade
Había fe..
Eramos pasotas…
A RÚA DO CONDE
Levei na túa doce costa
Milleiros de mancaduras,
Rolei pola pendente
Todo canto a mamá Maruxa
Permitia. Que era moito.
No cemento quente e fresco
Fun peón da miña primeira basca
Pelexei,aprendín a xurar,
A maquinar sabotaxes
A dar caladas de tabaco
Tragando fume, e broncas, e infernos.
Busquei nas túas solainas,ó serao,
O derradeiro sol do inverno
E nin soñar podía
No que por nós agardaba.
A imaxinación, nas túas beiras,
Era como o noso nadal de brétema,
Mirar para aquel fato de pedras
En San Vicente achantado,
E, no medio da borracheira,
Enorgullecernos do que fumos e xamais seremos.
-OS CHAOS-
Meneo,Contra Meneo,
No Pinar, no Alegría
No Carademerda ou no Rabeno.
Meneo,Contra Meneo,
Viño da ribeira, viño de Castela
Sardiñas no San Xoán, pementos, cachelos
Meneo,Contra Meneo,
Húmidas gorxas
Xolda, cachondeo
Meneo,Contra Meneo,
Líbido quente,miradas
Luxuria que sae do peito
Meneo,Contra Meneo,maos que baten ledas
Cantares prosmeiros
Meneo,Contra Meneo,
A voz quebra enxoita
Xa nos bota o taberneiro
Meneo,Contra Meneo,
Na noite pechan as portas
Nas paredes cheira a mexo
Meneo,Contra Meneo…
TODO CANTO SEI
Embaixo do palco,
Música, trompetas
Do inverno falso
Daqueles tempos.
Embaixo do palco,
Sostén subido
Pola miña man
Inocente, ignorante.
Primeira apalpadela
Que me ía condear ó inferno.
Alí, mirando á xente,
Mirando ás bragas, ás pernas,
Os calcetíns caidos
Nos zapatiños de festa.
Alí mirando á xente
Que rumbosa danzaba
Na calor de corpos suorosos,
De ilusións que nunca chegaban.
Alí mirando á xente
Embaixo do palco
Aprendín todo canto sei
Que non é pouco nin moito.
Mirando á xente
No palco, embaixo.
O TREN
Moitas vias
Na retina do ollo,
Daquel ollo neno.
Movementos de vagóns,
Caixas solpresa
Que ninguén sabía o que agachaban.
E homes ferroviarios
Que nos corrían
Entre berros e gargalladas.
Dende a pasarela
O disco duro
Da miña testa
Foi gardando agullas
E travesas e semáforos.
Dende a pasarela
Despedín trens e soños
E aprendín a falar
Para dentro.
Moitas vias
Na retina do ollo.
Moitas vias acuguladas,
Indiscernibeis,
E só tres sentidos:
Norte sur e leste.
A Fisterra ficaba para nós pechada.
O SAN ANTÓN
Que non bebía viño
Decíanos a copla
Daquel San Antoniño
Que había de darnos forza
Coma o porco no fuciño.
Mais o San Antón que coñecímos
Colexio para moitos esquencidos
Non nos deu forza
Que nos deu arrepios.
En aulas frías
Un escudo, un crucufixo,
E hostias para todos,feixismo.
Franco no dicir
Franco a cotio
O profesor adoctrinaba
O aluno repetiao.
Cantar e rezar
Na outra banda do rio,
Alí o relixioso
Esculapio señorio,
Lembro que nos deportes
Case sempre gañaba
Ós probes do San Antoniño.
Esculapio e San Antón
No Pobo santos mandóns
E alí, embaixo da terra,
San Francisco.
NOMES
De cada pedra un recordo.
De cada pedra un nome.
Da rinconada, onde
Á beira da madeira
Tecín os primeiros soños,
Ata a costa de Seoane
Na que vín desaparecer ó castelo,
O mundo mudou
E con il eu xa fun outro.
Alá ficaron durmidas,
Por un tempo,palabras,
Visións e cheiros,
Ledicias e desencantos.
Sabía que voltarían
Mais non podía predecir cando.
Sabía que voltarían
Coma as anduriñas ó meu faiado.
Non vos enganedes
Non se trata de buscar
Unha rima doada,
Aínda que no meu auxilio salga.
Só sei que mirando o que xa non é
Gardo nos meus adentros
Un recordo de cada pedra
De cada pedra un nome.
NA FIESTRA
¿Que era o meu mirar
dende aquela estratéxica fiestra?
¿Que eran os meus ollos,
espello ou filtro
dos movementos dos monfortinos?
Aquela calada muller
A pasar coa vista gacha.
Aquel procurador teimudo
De paso curto e acelerado.
Aquel run-run festeiro
Á hora imperdoable dos viños.
Son imaxes daquela ventá calada
Daquel silencio das dúas
Cando o tráfico paraba,
E as tapas,
Nas portas dos bares,
Arrecendían.
¿Que era o meu mirar?
¿Que era o meu pensamento?
Pecho os ollos e sigo vendo,
Pecho os ollos e o marco
Daquela vella fiestra
Encadra o mundo,
E nada máis pode existir xa
Máis que aquela luz
Aquela luz que non se vai de dentro.
EXILIO
Marchei,
Aínda que nunca marchara,
Fun buscar algo
Que non sei se atopei.
Ás portas de Santiago
Miro no meu vello mapa
Ese puntiño mouro
No triángulo máxico
Das nosas sacras ribeiras.
Coa mao sinalo o seu nome,
Monforte.
Coa boca arrinco verbas
Sen ser entendido por ninguén.
¿Quen pode entender o que sinto?
O que sentimos os monfortinos.
Nun bar, no bar, busco a Xabier,
Il si que sabe canto digo,
Adiviña nos meus ollos
Todo canto gardo, gardamos
Os de Monforte.
E na noite, borrachos,
Ímos a Osebe a mirar
As vias do tren.
Se cadra pasa un,
Se escoitamos o canto da máquina
Pechamolos ollos
E estamos como na casa.
A CHURREIRA
¡ Dona Adela un viño doce!
E a velliña, coa xarra branca
Escanciaba un nectar que nos sabía a gloria.
Co seu paso e a mirada fuxidía
Levaba a vida a rastras.
Mentres, nós, liabamos un canuto para catro
E as risiñas viñan na nosa axuda,
Ceibaban-nos da liviá preguiza do inverno,
Da rutina de clases, dos espellismos.
¡ Dona Adela traia agora unha xarra!
Boa falla facía para quentar as ideas,
Para que o punto morno do costo
Collera un toque máis do país.
Entre grolo e grolo dous canutos,
Xa eramos seis, dous acoples.
¡ Ai o viño, ai ise viño da Churreira!
Os ollos adoecen,proen, o fume enriquece
E a conversación muda para un lado
ou para outro, según conveña.
E as risiñas xa son risos abertos, a liberdade.
¡ Dona Adela, señora Adela, poña outra xarriña branca!
¡ E dous vasos!
Dous acoples máis, un so canuto a calada americana.
Xa se acaba o medio talego e hai que andar lixeiro
A mente debe resolver o duro dilema:
¿ Viño ou costo cos cen pesos que nos quedan?
CORTO-RAXO
Unha bomba para un vello café,
De barra alta e estreita,
Mesa de marmol e televisión en branco e negro.
Mexadeiro cutre de paredes esnaquizadas
Do salitre dos mexos botados por fora.
Ardeu o Raxo e no seu lugar
Unha mole noxenta érguese fachendosa.
Boa rúa era aquela en tempos,
Inantes de que os mozos e mozas
Viviran na nube branca.
Ardeu co Raxo o Espía
E moito antes o Mezquita
Onde a Loli agarimaba a miña testa
E roubaba chupachús para que eu non chorara.
Nesta vida arden tantas cousas,
Que se souberamos do pouco que duran
Andariamos a bicarnos os uns os outros
E tódolos enoxos serían imposibles.
O SILENCIO-BELESAR
Escoiteino
Que non o puiden ver.
Porque a vista retén cores,
Ilusións que se artellan na nosa retina.
Formas e arquetipos
Sombras que se enchen de naif
E que entreteñen ós falsos sentidos.
Escoiteino,
Porque nin a vista, nin o gusto,
Nin o olfato, nin o tacto
Poden aprehender a verdade das cousas
Que para iles non foron nadas.
Escoiteino,
Naquela noite de brétema húmida,
Na ribeira, no Miño,
Mentras as cepas choraban a derradeira poda,
Escoiteino,
Sentín o silenzo
Que me falaba mainiño,
E o vacío, o escuro baleiro
Que tantas veces roubara a miña alma
Falou co silenzo propio, imperativo,
De quen posúe todo o sentido
Amo e siñor da eterna existencia.
QUIXERA
Quixera volver a nacer
Para cheirar os mesmos cheiros,
Para palpar as brevas vermellas
Que untaron as miñas maos,
Para ollar as mesmas cores
E o brillo de tantas miradas.
Quixera volver a nacer
E que os meus oidos
Se deleitaran , oura volta,
Con aquiles adormeceres
Entre alcois e palabras
Fiadas en contos e coplas esquencidas.
Non pediría outra vida
Porque o que agora somos
Non é mais que as cousas que vivimos.
A morte foi compañeira
E tamén a vida.
Quixera volver a nacer
Para chegar o mesmo punto,
Para mirar para vós
E dicir as mesmas trapalerias,
E castigado ou aplaudido
Quixera volver a nacer
Para rimar o que agora rimo.