marzo 26

POEMAS PARA ALMA

 

-1-

 

“O gozo abrolla da liberdade do corpo e a tenrura.”

De “Alma e o mar” de Francisco X. Fernández Naval.

 

Sabor de ollos espreitos,

fritidos no aceite reparador

dunha visión interior

sinxela e desconcertante.

Un espertar que axilmente,

e sen estrondos,

condúcenos polas beiras

da universal conciencia,

da confusión do amor

mal entendido.

 

 

-2-

 

“… a nova realidade estaba tan fondamente ligada ao pasado, que só por el se podía comprender quen era e que facía alí.”

De “Alma e o mar” de Francisco X. Fernández Naval.

 

Quedo, inmóbil na túa ausencia.

Non somos máis que pasado

proxectado na carne e na constancia,

ilusión por espectativa

e presente desolador e morno.

Teño algunha idea: préstamo

alleo e asumido.

Só o esquecemento demostra

a nosa bestial animalidade.

 

-3-

 

“estou núa na madrugada á procura da luz.”

De “Alma e o mar” de Francisco X. Fernández Naval.

Sempre agardando ao raio verde

do fondo dalgunha mirada,

procurando a calor

dunha humanidade da que renegamos

como seres do si e o non.

Teño friaxe e busco un abrigo,

deixo de lado

o que non hai moito daba acubillo.

E logo soño

co que se foi de balde

na historia que sempre persiste.

 

-4-

 

“a lúa sempre é muller”

“baixou e achegouse ofrecida nun sorriso”

De “Alma e o mar” de Francisco X. Fernández Naval.

Todo é muller,

porque elas non só ofrecen sorrisos.

A vida, a consciencia, a palabra

son por elas enxergadas.

Nada nin ninguén pode evitar

a realidade do seu creacionismo,

aínda que a masculinidade

busque esmagalo a cada intre,

como Pedro renega de Xesús,

mais volvendo a el irremediablemente.

 

-5-

 

“Foi golfiño e onda. Alegrouse do gozo, do intre sen futuro, dos saloucos.”

De “Alma e o mar” de Francisco X. Fernández Naval.

 

Non hai verbas para tantos aloumiños,

a infinidade da reprodución

enche de contido o relato

pero non o esgota.

O sexo esténdese e restrínxese

coma as ondas no océano

misterioso e incomprensible.

A forza que nos dá

e nos quita a vida.

 

-6-

 

“Buscas a calor dun sol que no existe….pero o sol e a súa calor aínda estaban alí, procurando a liña do horizonte e buscábanas”

“I am waiting for the moon rise”

De “Alma e o mar” de Francisco X. Fernández Naval.

 

Todas e todos buscamos

a calor dun sol

que existe e non existe.

Non existe cando les os xornais,

cando vives as ausencias,

cando a crueldade esmaga as nosas vivencias.

Existe cando atopamos man amiga,

cando o arrecendo doutro corpo

agarima a nosa conciencia.

Só o sentimento é seu combustible.

 

 

 

 

-7-

 

Poemas e enxertos.

Gromos e verbas.

Cepa

Billa pechada

cando o viño sabía.

Viña.

Un tobo ben adobiado

raposa vella.

Un POEMA.