Mirar sen ver
December
2
Coma unha borraxeira inútil
viaxa a pantasma de tempos esquecidos.
A medida da historia
xira coma un trompo incontrolado
e leva a paixóns
que sangran o sur pobre do noso planeta.
Fendas de cemento e arame
esgazan a pel da Terra
e firen corpos e almas
e matan ilusión na miseria concibidas.
Quen viaxaría polas augas encabuxadas
dos mares privatizados,
sen a premura da fame
petando a cotío?
Coma unha chaqueta elegante
vendida nun venres mouro
seguiremos a mercar
o calote que nos ofertan,
o medo que nos inoculan,
a merda que botan por riba nosa.
Lede nos ollos da humanidade humillada
a carraxe e a senrazón
que se amosan nas apagadas pupilas
e levantade o puño
pra defender o pouco que nos quede
de decencia.