Adeus humanidade
April
18
Nunha pinga de auga,
que a Natureza fará bágoa,
viaxará a vida polo universo.
Coma unha nao (bíblica)
portará a mónada primixenia,
onde todo ADN será cousa de futuro,
o eterno empezar do soño feito signo.
Só nós sabemos de pobreza, de miseria,
e nesa eiva empurra
a dialéctica do espirito argallante:
dubidamos entre o ben e o mal,
entre a negación e o “si”, agora
circuito de ceros e uns,
unha apertura e peche de enerxías,
animalidade da ciencia
irracionalidade científica
que nos ha sepultar como humanos.
Nisto anda a vida
como fixo sempre.