Onde foi a política?
Un dos problemas máis imporantes aos que se teñen que enfrontar os dous grandes partidos do Estado Español é o de carecer dunha idea que aplicar á cuestión da territorialidade. Un PSOE sometido á proba do algodón da españolidade por parte do PP fala de federalismo nas campañas electorais para logo, xa no gobernó, gardar a dita idea no fondo do caixón sen outra política ca da mera cesión de transferencias ás autonomías. O PP, empuxado polo “una, grande y libre” do franquismo transmutado en VOX, cala e non aporta cousa ao desenvolvemento e modernización do estado das autonomías, sen proxecto algún coñecido para desenvolver una política territorial que achegue ao cidadán á realidade política na que vive. Por un lado someteron ás autonomías aos recortes cando gobernaron e por outro engordaron uns ministerios recentralizadores dende Madrid facendo medrar considerablemente o gasto que significou a subida da débeda do estado dunha forma preocupante; sabendo que estes ministerios estaban e están case baleiros de contidos, lembrar que case todos eles, os contidos, están transferidos xa ás Comunidades Autónomas (Educación, Sanidade, Traballo, Cultura, Deportes e tantos máis que fican no tinteiro). Na crise que vivimos, estes ministerios, como digo, foron os grandes despilfarradores e os causantes da suba da débeda pública ata límites oscenos.
Fora do 15-M é certo que a cidadanía do Estado Español estivo bastante distraída a conta dos políticos axitando a causa nacionalista, tanto a española coma a periférica e parte desta crise tivémola que comer co adobo deste problema coma xa se fixera nos anos oitenta coa reconversión industrial. O nacionalismo tapou e tapa mediáticamente outros problemas polos que os cidadáns teriamos que ter actuado na repulsa da perda de dereitos e calidade de vida.
Sen ser un analista político, nin político tan se quera , permítanme un consello ao PSOE e ao PP, ou máis ben dous, un a cada un:
Ao PSOE que traballe no federalismo, profundizar nel non ten porque cuestionar o modelo de réxime, o Rey pode ser xefe de estado dos diferentes estados, xa o é de feito.
Ao PP diríalle que relean ao seu fundador Manuel Fraga Iribarne e aquelo do que falaba, A ADMINISTRACIÓN ÚNICA, lembran? Que non era máis que dar un paso grande na descentralización e acabar coas duplicidades do Estado Español en canto Estado das Autonomias, propiciando a total descentralización do estado para o cidadán, e a asunción por parte do goberno central do Estado de verdadeiras políticas de exteriores que fortalezan a España no contexto da UE e no resto do mundo.
Con esas dúas propostas Estado federal e Administración Única quizás se podería desbloquear a situación neste caos que representa una acción política que mutila constantemente o estado de benestar social polo que loitaron e loitan estes españolitos de a pé que cada catro anos (é un dicir) van coas súas papeletas a encher as ” furnas”(non o digo eu que foi Fraga) dese burato negro da democracia española. Xa sei que non é o mesmo federalismo que administración única, pero si un camiño para aproximarse e entenderse, e tamén avanzar na triste realidade política e económica que nos tocou vivir.