Capitulo 19
Xa en Chambery, logo de hospedarnos os que puidemos e os que non a durmir de campaña, eu sentía no ar a presenza do meu amigo Nicolás, pero apoderarase de min un deasacougo estraño. Tal vez temía a reacción do meu frade ao verme, ou quizás medo a que tan sequera non me recoñecese. Eu ficaba calado e os meus compañeiros non facían máis que curiosear nas miñas angustias, cousa que me incomodaba e facía que me pechase aínda máis. Visto o meu estado, o Xulián comezou a me incitar a beber mentres ceabamos nunha pousada ao pé dunha grande casa. A miña copa non se daba baleirado por máis que eu tentaba. Non vos podo relatar o que aconteceu, o derradeiro que lembro foi cantar a coro con todos os siareiros do local unha cantiga na lingua de Francia. Espertei con día, estarricado non medio da praza, e fun convidado por dous soldados franceses a identificarme. Cando lles mostrei o papel, un deles, fraco coma unha agulla, abriu coma dous mares os seus ollos azuis e acenou para que o acompañase. Leváronme diante do capitán e eu, que sempre pensara que o francés era doado de falar, que bastaba con trocarlle os acentos ás mesmas verbas, tentei explicarlle ao oficial que pertencía ao séquito do príncipe de Masserano. Debéronse mobilizar todos os exércitos da Francia para vir facer de intérpretes. Polo despacho pasaron soldados, cociñeiros, algún crego, mulleres… Ninguén me entendía ata que un nobre vello foi avisado e mal como puido foi traducindo. Eu, sen dúbida polos nervios, non dera unha palabra nin en galego, nin castelán, nin tan sequera en latín que dominaba case á perfección. Cando fun consciente de todo xa me vin metido nunha caixa de madeira feita por riba dun carro, e na que entraba un poco de luz polas xuntas que unhas táboas facían coas outras. Alí, tirado na palla, fun entendendo que me metera nunha boa lea. De nada me valeu invocar ao Príncipe de Masserano, que segundo souben por un dos soldados ficara en Fontenebleau e non chegara a Chambery.
Eu ficara atordoado, e non entendía cousa cando cheguei a “La Force”, gran fortaleza que se ergueu de súpeto diante do meu ollo que guichaba por un dos furados da madeira.
Sen defensa de ningún tipo, fun confinado durante tres anos. Alí alternei co melloriño de cada casa francesa. Chulos, rateiros, mangantes, lerchos, caloteiros, cregos pecadentos formaban a inmensa grea que moraba dentro daqueles anchos muros. A sorte miña foi ser crego e por tal puiden disfrutar dunha cela para min só na que un leito, unha cadeira e unha mesa a modo de escritorio compuñan todo o seu mobiliario. Tamén había, xusto na fronte da porta, unha xaneliña labrada na pedra que deixaba pasar un poco de luz e na que moitas veces tratei de imaxinar, no anaco de ceo debuxaba, libertadores españois que voaban en cabalos alados, albos e fortes, que derrubaban os muros e facíanme ceibe coma o fora ata esta desgracia. Vingaba a miña cadea pelexando con todos os franceses que se me puñan no camiño. Gustaba de imaxinar ao capitán que me prendera, de xeonllos, rogándome clemencia e eu fronte del, coa espada ergueita. Foron tres anos amargos da miña vida, aínda que hoxe semellen un sopro de vivencias necesarias no decorrer do meu tempo.