MEMORIA HISTÓRICA
Gustaríame coñecer o significado desta expresión e tamén os motivos que a puxeron de moda en ámbitos de autoproclamado carácter progresista. Confeso que a busquei en varios diccionarios en non a atopei por ningures. Claro que isto non é problema para min pois sei de certo que a linguaxe é unha estructura viva porque vivos estamos os que a utilizamos para expresar, ou debería dicir intentar expresar, o noso pensamento. O que si me preocupa dun xeito intelectual é coñecer o significado e mesmo as intencións que hai para chamarlle ás cousas polo seu nome.
Polo que podo ver, na contextualización da expresión en determinadas bocas ou plumas, é que a Memoria histórica, como expresión, enténdaseme e perdoade que reclame con redundancia a vosa atención, é un concepto creado para recuperar, e isto e suposto, aqueles feitos que se gardan na memoria de algúns superviventes do noso pasado máis recente, deses feitos ou opinións non recollidos na historia escrita máis ou menos oficial e popular por estar publicada.
A historia, ó meu xeito de ver, é moito máis subxectiva do que parece. E o é por que dende sempre a información se recompilou por individuos dunha forma lineal, cronolóxica, e por conseguinte estructurada. Pero no fondo todos sabemos que os feitos da vida e os acontecementos humanos desta non se producen illadamente como para que sexa posible alcanzar a verdade ordeandoos nunha secuencia temporal que é imposible desligar da propia percepción individual. De aí que todos saibamos que cada un escribe da feira como lle vai nela. A historia, segundo este planeamento, convertese nun mero relato literario que con mellor ou peor fortuna describe percepcións, non cabe dúbida que moitas veces influenciadas por poderes ou certas concepcións culturais, e imposibilita a constitución deste saber en rigorosa ciencia.
Pero non é o caso de que eu sexa un fanático do pensamento científico, nin que menosprece os saberes por non entrar na esfera da ciencia. O que me amola e despista é non chamarlle as cousas polo seu nome, e aínda me anoxa máis o invento intencionado de expresións que por moda se impoñen na nosa tarefa intelectual e que están desprovistas dunha significación polo menos consensuada.
O que eu saco en limpo, ó meu modesto xeito de entender, é que lle estamos chamando “Memoria histórica” ó mero intento de facer historia, de historiar, de discutir versións, datos e documentos, e mesmo o xeito de darlles a todos eles un sentido. “Memoria histórica”, é unha expresión redundante e desafortunada, só é un flatus vocis que enche a boca de moitos e desanima a quen quere tirar os ídolos que, polo poder reinante, foron aloxados na nosa individual memoria. Paréceme interesante que os nosos maiores ilustren con feitos que gardan na súa memoria á historia, pero me preocupa cal sexa a historia que queren ilustrar, prefiriría que esa memoria fora para desenmascarar as trampas de facer pasar por dogma un saber que só é conxectura.