CARA ATRÁS. CAPITULO 18
Ó me reincorporar á comitiva, agardaba por min o Xulián, un rapaz de Córdoba axudante do cura de campaña e ademais adicado á distribución das provisións, e cun sorriso amplo preguntoume que tal me fora a cousa. Mostreille o papel e botándolle unha ollada principiou a despedirse de min dicíndome que tivera sorte por París e moita precaución, xa que alí as cousas non andaban moi ben, senón bastante peor que no resto do territorio. Desveleille que de ningunha maneira tiña pensado ir a París, como era certo, senón que seguiría con eles ata Chambery. E tiña razón el, ¿ a que fora buscar un salvoconduto para París se non o ía pisar? A verdade é que non o sei aínda hoxe. Quizais son desas cousas que fas por non defraudar a un amigo malía telo enganado antes; quizas porque vía no papel unha carta de identidade, coma unha referencia por se tiña problemas coa xustiza; ou quizais foi unha tolura sen fundamento, desas que un comete atacado pola febre de atoparse nunha situación nova nun país descoñecido. O caso é que fun polo papel e sentinme algo importante por posuílo.
A comitiva do Príncipe era coma unha gran romaría. El viaxaba na cabeza escoltado por catro gardas dacabalo que rodeaban o cabriolé. Ó seu carón, sentada, ía unha muller moi nova, morena, de pel torrada, recollido o pelo cun peiteado moi abultado que lle deixaba ver a caluga. Non conseguira verlle a cara, era imposible acercarse a máis de cincuenta metros dela sen levantar sospeitas na garda, e máis dunha vez tornoume esta cara atrás, coma se eu fose un leproso ou un malfeitor que lle quixera facer dano.
Deste xeito ía a comitiva: nós, co de Córdoba, máis un cociñeiro, varias soldadeiras, que ían tanto para arriba como para abaixo, un asturiano, criado el, que prendía na fala, e algúns soldados que viñan gardando o carro das viandas faciamos a cola sempre barullenta de contos , gargalladas ou cantigas. E non se viaxaba mal con eles. Cando había fame non faltaba un cacho de touciño, ou xamón, sempre que sobrase algún do cortado para o Príncipe, ou queixo. E a sede apagábase con viño, do que ía a procesión ben provista.
Atravesando este inmenso país, entre camiños e paradas, funme percatándo un pouco do que acontecera na Francia nos últimos dez ou quince anos. En ocasións un dos oficiais, Somoza, coido se chamaba, viña buscando ás noitiñas algo de conversa intelixente fóra do ambiente da tropa. En min descubrira un contertulio disposto tanto a falar como a escoitar. El foi, aos pòucos, introducíndome na política que se respiraba entre as xentes que iamos cruzándonos polo camiño, nas aldeas, nas vilas, nas cidades. Todo empezara, segundo el, nos excesos que cometera a nobreza nas costas dos pobres, que chegaran a vivir nunhas condicións de fame e enfermidade case permanentes. O Rei dos franceses sen renunciar ós seus luxos cortesáns quería manter contento a todo o mundo, así foi entregando o Estado nas mans de outros que non fixeron máis que acrecentar as súas fortunas e deteriorar as relacións entre as clases. Cando en 1789 son convocadas as Cortes Xerais, é porque non se concibe outra saída para os conflictos violentos que se estaban a vivir. O primeiro estado, a nobreza, semellaba unido e pretendía seguir dominando nos homes coma se foran bestas de carga, e aínda por riba matalos de fame. O segundo estado, o clero, de liorta en liorta entre eles: as altas xerarquías defendían ós nobres, e as baixas, ós pobres e ós labregos. E o terceiro estado, onde se aglutinaban ricos burgueses con ansia de poder, intelectuais idealistas, labregos e o chamado menu peuple (obreiros sen traballo, prostitutas, bandidos, mortos de fame…), que ao remate foi manexado por todo o mundo.
Así o 14 de Xullo tomouse a Bastilla, a Asemblea Nacional declárase constituínte e os sans-culottes fanse co poder. Andado o tempo faríano outros. E o que parecía que era a fin do réxime feudal e a panacea para resolver todos os problemas foi coma ir á devesa e levar co pau na testa. Períodos de asasinatos violentos, linchamentos indiscriminados sen saber moitas veces do lado en que se estaba. Ó cabo, un período turbulento ao que agora lle estaba a poñer coto un xeneraliño que se fixera co poder chamado Napoleón, cuns delirios de grandeza que cobizaban o título de Emperador.
Pero isto son historias das que os libros estan cheos, e seguramente estarán en moitos máis que quedan por escribir. Eu penso que nada teño que aportar á grande historia da Francia e por iso vou calar.