CADA QUEN
Contan que unha estrela guía a cada home,
polos tempos que medimos unha naceu
con cada preñe.
Contan que se a estrela é moi brillante
alumeará palabras novas
que enxendrarán outro universo.
Contan que se cada quen sabe da súa
poderá posuír a existencía eternamente,
e o futuro ficará nunha argallada.
Contan que o tempo só se concibe na ignorancia
dos astros ós que se pertence
por designio da idea.
Contan que a mentira podreceu na espera
da verdade incuestionable
que nos ceos se soubo sempre que moraba.
Contan que quen morreu agardando
marchitou un sol dunha terra
que non chegou a estar verde.
Contan que outros non ficaron quedos
e botándose á busca no deserto
atoparon no azul unha resposta.
Contan que non ten que ser noite
para ollar para as estrelas
que por nós atenden.
Contan e contan tantas cousas
que no ceo se acubillan
para virse agachar, máis tarde, ás nosas testas.