AFROUXOU O PENSAMENTO
Afrouxou a corda do pensamento,
ceibou a imaxinación lueira,
buliu polas pantasmas da historia
e foi caer no incontrolable desexo
do lume do inferno,
a desolación dos tempos que murchan
as cousas do feble sentimento.
Non chega con pechar as orellas
ás verbas que feden a morte,
non chega con pechar os ollos
ó sangue que nos pringa vergoñento,
non chega con abrir as mans
para entregar superfluo consumismo.
Velar a vida é, ten que ser, moito máis.
A morte xa atende dela mesma no cadaleito.
Afrouxou a corda da esperanza,
laiou a besta no outeiro milenario,
está presa do seu propio pesadelo,
asolada polo medo imposto sen remedio.
¿Quen dará co berro, agardado
pola humanidade sempre agachada
no corazón senlleiro de cada home?
¿Quen será recoñecido pola historia
para ser salvador da nosa enxulla,
do lene esquencemento da ruindade?
É o vento que me lembra o que non vivo,
e o que vivo se me amosa nesta cuita.