O CURRI
– O que eu son.
¿Saberei algunha vez dicir o que é algo?
Cheguei á estacion ó redor das seis. Un ding-dong e unha voz seguida dixéronme que poucas cousas cambian no ferrocarril. O son era coma o dun vello gramófono, case mancaba os oídos. Vaia equipa de son, pensei polo baixo.
Uns bancos de madeira moura e carcomida limitaban a sala de espera, estaban ocupados por dous velliños, un viaxante de gravata e un home que tiña a pinta de ser un parado e ademais ionqui; e claro que souben que era un parado e un ionqui, pois non era outro que O Curri. Un daqueles ocupantes era o tío máis mangui da terra.
Negriño coma se fora do Congo Belga, que agora xa non é Congo e menos Belga; con sona de mal educado e respondón, poñendo sempre cara de bo, de monaguillo, cando algunha moeda podía sacar polo morro, polo de monaguillo. Era inquedo e vivaracho a rabear. Lembro que non facía máis que chegar algún punto cargado de material á vila e xa O Curri estaba de volta de todo, e se non o estaba el dicía igual que si, endexamais que non, por mor de ollar se podía traballar na “pirula”.
Ai Curriño! e agora aí, sentado nese banco, co nariz tocándoche o embigo, os ollos cansos e máis mouros cá cor da túa pel, entornados e pesados. Vexo que a túa nai xa non te viste, os pantalóns raídos igual cá chupa que máis que de ante parece de onte, ou de antes da guerra. Verdade é que a pobre xa nunca te vestira moi ben, ¡pero home gastarlle todo canto tiña aforrado na vida, e só nuns poucos meses!… E o máis fodido é que xa non era unicamente para o teu vicio, senón que de mangui pasaches a ser julai, primo. E todos tras túa: “Curri que se isto, Curri que se o outro”. ¿Non te sentirás estúpido? ¿non te sentirás indesexable? Por iso que seguro que estás colocado, eu estouno e ben te vexo a ti. Seguro que o estás; é o que che resta ata morrer. ¡Pero ergue a testa “mecagoendios”! ¿A quen lle debes algo? ¿Que son uns cartos máis ou menos se de ladróns están os xulgados, os concellos e tódolos gobernos cheos?
Endexamais puiden disfrutar da estética da estación, dos seus bancos, dos seus farois, das ventaíñas e pantallas. Sempre O Curri estaba alí, vivindo como mellor sabía: colocado.