September 24

 

 Xa ninguén os cre. Falan de números e de contas, de infraestructuras e doutras gaitas que non se entenden, que non se queren entender porque todos sabemos que están baleiras. Os gabinetes económicos son os novos gurús que falan nun latín que repiten coma sacerdotes os políticos de tal ou cal credo. A máquina de facer cartos segue nas mesmas mans de sempre e un cansa de facerlle ver aos que se meten en política que todo o que reloce é ouro, pero que o ouro  non se come e só serve para relocir, para deslumbrar os ollos dos descastados que negan o cotián da realidade. Quixera un ver un salario social no mundo, pero o economista que propón isto, lonxe de ser publicitado, é tratado co desprezo do silencio pese a provir do sistema universitario legalmente finaciado polo capital internacional. Coma sería tratado se fose autodidata?

            Ninguén os cre. Falan de guerras e crimes, de malos tratos e de outras cantigas mentres chaman ás portas a fame e a desesperanza. E os privilexiados, que así moitos se senten, chegan a fin de mes co xusto para pagar a hipoteca da súa luxosa vivenda e o seu flamante carro. A publicidade segue a vender para os ricos pero esquence que trae tamén canda ela a miseria e o sofrimento. Tempos están vindo que así o atestiguan. E os mesmos de calquera credo queren que se siga educando en valores, financiando a propaganda de Rambos e outros secuaces polo estilo.

            Ninguén os cre, porque as crencias retornaron ao seu rego que é a relixión, e ésta só cre en si mesma. Nós, os de aquí, aínda nos imos librando, pero só porque a única crencia que temos é a da nosa hipoteca ou alugueiro.

            Crer é un acto de fe, e a fe coma o fígado só traballa en fución das drogas que teña que depurar. Actualmente tanto as que afectan á fe, coma as que afectan ao fígado son de mala calidade, quizás demasiado expostas ao tempo, valorentas e noxosas. Viremos ao autoconsumo en todas as ordes da vida, agradecerao o noso corpo e o dos nosos fillos.

 

                                                                       Paco Rubinos

                                                                       Do libro “Mentiras piadosas”