September 19

 

             Digamos que a miña vida non foi cousa doutro mundo.  Despois de me ordenar sacerdote  fun servir de axudante ao Capelán Maior da igrexa das Bernaldas. Chamábase Cibrán, alto,  pálido, cos ollos saltóns e tristeiros, da cor dun ceo gris. As mans delgadiñas e afiadas tremían a todas horas, mesmo na consagración, e moitas veces eu suxeitáballe a vinaxeira para que non derramase o viño. Neses momentos fitaba para min e sen dicir palabra agradecíamo cos ollos, que se fechaban en sinal de asentimento.

Cando cheguei por primeira vez diante del, examinoume e eu tentei de lle bicar o anel como estaba mandado. Fíxome erguer e abrazoume como se fose o seu fillo. Penso que  me incomodou un pouco tan inusual saúdo, anque quizás fose isto a estopa que  fixo prender en min un cariño especial. Funlle agarrando tal aprezo, que non había cousa que se lle antollara , e que estivera da miña man, que non tivese. Porén a el non lle gustaba que andara sempre a carón súa coma un canciño. Eu, ao primeiro, obedecíao e buscaba ocupacións lonxe, pero máis adiante, facendo caso omiso do que me ordenaba e abusando da súa pouca vontade, axexábao a todas as horas.

Sabía se ía confesar as monxas, se estaba rifando co sancristán, ou se ía á visita con outros curas, ou mesmo co arcebispo. Lémbroo  reñendo en min docemente, dicíndome que debía ocuparme nos meus asuntos e fixar a miña vida en min mesmo e no Noso Señor, xa que do contrario cando el faltase íame saír un gran baleiro na alma que tardaría moito en encher. Eu non lle facía caso .

Así pasou un ano e a medranza levoume a ser un pouco máis home. Foi entón cando o meu aprezo se fixo preocupante, preocupante porque necesitei saber moito máis dos pensamentos do meu capelán. Os seus desacougos, causaron en min unha teima delirante que me inspirou un instinto protector.  Se me dicía que estaba mal eu miraba de saber a orixe da súa queixa e de buscarlle unha solución, que na meirande parte das veces era acertada.

Ás tardiñas, falabamos de Deus arredor da mesa da sancristía. A Paca baixábanos o leite mazado con rosquiñas de manteiga. Parolabamos canto nos deixaba o tempo, e discurriamos disercións que hoxe calificaría de humanistas e naturalistas máis ca teolóxicas.

O capelán era boa persoa. Nada tiña que dicir dos  erros dos demais, aínda que reprobara moitas condutas. Quero dicir con isto que ollaba ós humanos como pecadores natos pero sen escandalizarse o máis mínimo. O que non podía aturar era a hipocresía do poder que, instalado no luxo, deixaba apodrecer a moitos homes na miseria de pan e espírito. O capelán pecaba, e el sabíao ben, de moitas cousas pero non era un farsante.

Un luxo representaba para min escoitalo falar de vagar, sen soberbia, entre grolo e grolo de leite. Un luxo que non desaproveitei e do que agora estou tirando partido. Síntome neste momento máis preto del que nunca. Quizás sexa porque estou en disposición de comprendelo mellor que naqueles anos de xuventude, nos que as cousas me impresionaban grandemente sen entender de todo os significados diversos que se agachaban tras das palabras, dos pensamentos.

Aínda non sei moi ben porque me contou aquilo. Gústame pensar que polo amor que me tiña e pola grande confianza que depositaba en min. Ás veces a dúbida malogra na memoria esas lembranzas, e vexo un home farto de todo atopando no seu discípulo o desafogo para ese peso que levaba dentro.

Cando el ceibou a súa alma era noite. Sentáramos a carón do lume cunha pinta de augardente. Ía moito frío naquel inverno que comezaba, e mentres falabamos estirabamos as mans cara ás lapas, quentándoas ata doernos e logo refregabámolas para enfrialas. É agradable  a calor no rostro e logo sentir como se van pechando os ollos. É neses momentos cando o poder das palabras troca en algo máxico e roza a infinitude divina. É cando a Razón, por medio delas, nos achega ao auténtico. Poida que leve verdade o pobo cando deposita espíritos e trasnos en todos os puntos imaxinabeis da existencia, poida que sexa unha forma vulgar de nomear o poder de Deus. Tanto ten como o nomeemos. A causa é a  mesma e nós, os ministros da fe cristiá, dicímoslle Deus.

Non sei con exactitude de que tratabamos, o único que recordo é que un nome de muller xurdiu entre a nube de palabras coma un son livián. Isaura era unha verba feminina, nunca outra parella a ela asomara no noso vocabulario. Por que ese son mudara o meu semblante? Era acaso a manifestación do demo na palabra pronunciada?

Isaura. Doce coma a saiva das plantas do anís, doce coma esa calor que desprendía o lume da lareira. Eu ben a coñecía de ir ao coro darlle o Santísimo Sacramento. Era nova e tiña pouco máis da miña idade. Nas confesións dela co meu don Cibrán fora nacendo un amor recíproco que había moito tempo os tiña chantados nun sentimento de culpa e que, a xulgar polas verbas do meu señor, calquera día podería desbocar nunha grande traxedia.

Non é doado explicar todo o que el ceibou aquela noite. As bágoas corrían pola súa meixela mentres os ollos fites nalgures palpabrexaban sen pausa. Quixen chorar con el, desexei tranquilizar a aquel home que se me amosaba coma un meniño desvalido.

Quizais fora pola miña idade, quizais polo inopinado das súas inquedanzas, non o sei, pero fiquei calado e só fun capaz de collérlle as mans con forza. Deunos o día, o lume só era un fato de cinza que ás veces faiscaba como negándose a morrer, pero eu seguía preso ao Capelán e sentindo o frío que se ía apoderando dos meus cadrís.

Supoño que sería o barullo que armou a Paca co seu espertar o que nos volveu á realidade. 

Aquel día cadaquén viviu por separado, e se nalgún momento nos atopabamos, mirabámonos ós ollos e o don Cibrán suspiraba  profundamente.

O malestar do don Cibrán era  cada día máis visible, o seu rosto murchaba a cada hora e eu non podía aturar aquela situación. Ocorreuseme finxir que un curmán meu, que era abade do monsteiro de Oseira, reclamaba a miña presenza; quizás alí, alonxado da cidade e da súa compaña, poidese atopar un consello para axudar a que aquel amor imposible non tornara en traxedia.

Aínda podo ollalo, teso e pálido, nas escaleiras do convento, acenando coas mans. Despedindose de min sen imaxinar sequera que aquela sería a derradeira vez que nos veríamos.