NA PREGUIZA
NA PREGUIZA
Acidia, doca, farona, galbana, indolencia, inercia, lentitude, lorana, maiola, morlana, morosidade, neglixencia, nugalla, ociosidade, pachorra, vagancia e xostra, moitos sinómimos que desvirtuan o ser do home. Concepto negativo que eu quero recuperar para a positividade da vida, a Preguiza é ante todo incomodidade polo que se fai ou se nos manda facer, é unha revolución calada, algo que garda ós nosos pensamentos da acción directa dos outros. A Preguiza pon orde no atropelamento da acción, medita a vida e mide a importancia de tódolos aconteceres humanos. Na preguiza instálase o corpo pero a mente atopa a lucidez e desafía a calquera tipo de gravidade.
-1-
Que sono teño.
Como todo
Deixareino para mañá.
O derradeiro verso
É un terrible esforzo
-2-
Coma onte,
Á mesma hora,
Teño sono.
Aínda que a imaxinación
Pinta inspirada.
Apagarei a luz
E soñarei coa primitiva.
-3-
As mesmas horas
De sempre
Din que os versos
Van saindo.
Aínda que nada
Digan de como.
-4-
Apaga a luz,
Apaga a luz,
Non verá que teño
Que pousar o lápis
E estirar un brazo.
Fágome o tonto
E fico durmido.
-5-
Xa deixei ver
Que non vivo so.
Se así fora…
¿quen mantería
a miña pluma?
-6-
Sexto día
No segundo,
Tocan a traballo
E non sei
Onde meterme.
Estirarei
Os
Versos
E
Aparentarei
Ocupado.
-7-
Moitas lineas onte.
Hoxe case calo.
-8-
Mirando o fume
Alimento os soños
Que me dan a vida.
Saboreando o fume
Dispoño do tempo
Nas formas da Preguiza.
Escoitandoo ó fume
Que sae do meu respirar
Reforzo a miña nugalla.
O fume dilue
A súa masa no ar
Coma fai a miña alma.
-9-
Onte era todo fume,
Hoxe, escuridade e silencio.
-10-
un non pode pensar
na verdadeira xeometria
deste noso pensamento
mentres outros pensan
en botarme outra volta
cara os montes.
Nin ser nugallán te deixan.
-11-
¿A quen amolamos os humanos
que temos que aturar
a corruptos mentirreiros,
da carroña forxadores?
Non hai vergonza
Todos son luxos.
-12-
A nugalla converteuse en paixón
De escreber
O que dos collóns me sae.
-13-
De títeres e cabezas
Quixera ter unha valixa chea,
Facturala pro inferno
E pedirlle a deus
Polo demo.
-14-
Nin odio, nin hostias,
Só que a merda cheira,
E a humanidade xa non ten maus
Para os seus narices.
-15-
Estaba cabreado,
Hoxe no vin televisión,
Nin xornais,
Podo adicarme logo
Á filosofía contemplativa.
Sei de ninguén nada
Pero o de onte…
Aínda canta.
-16-
Por moito que lle poña rima,
¿isto será poesía?
Vou contra corrente,
Pero como me gusta.
-17-
Espacio hai dabondo
Pero hai tamén que pasar unha folla.
Deixao e durme.
-18-
Vivo na cama
Coma se fora de sempre;
¡E falo da eternidade!
-19-
Venme un reflexo da Lúa
Que me di que estea calado
Se empezo a tirar do fio
Sairá a Verdade,
Cartas á vista,
Xogo acabado.
-20-
A renglón seguido escribo
Do que ferve no meu sangue
Que ando sobrio nestes días
Por saber o que se sabe.
-21-
Ven outra vez
A aloumiñarme Preguiza.
Ceibame deste fondo pensar
Aínda que sexa pola rima.
Volve música do medioevo
Que quen deixou os teus acordes
Pide de bon grao amiga
Que o ceibe dos acoples.
Ceibame a min
E tamén ós homes.
Deixame amar
En cantigas de amigo
E maldicer e facer escarnio
De quen se meta conmigo.
Ven Preguiza do medioevo
Que con este tempo non atino.
-22-
Releo o vinteun
E non penso trocar unha letra.
Algúns removeranse
Nos cadaleitos,
Outros nos cómodos sofás.
-23-
Non chove ahí fora
E parece un milagre.
Cambiar as sabas tamén.
E mudar o pensamento.
-24-
Hoxe non teño poesía.
Mañá, se existo, pode.
-25-
Existín,
Mais escribo sen poesía.
-26-
A nugalla veu
Coma se foi a poesía,
Sen eu darme de conta.
-27-
O mundo anda revolto,
Coma sempre,
Sendo nós
máis virtuales ca nunca.
-28-
Non hai palabras
Porque a estética é unha trapallada,
É coma vender cazolos por teléfono:
Se atopas primos, conságraste.
-29-
Voan para mín as anduriñas,
Coma esta tolemia de mundo
Que contemplo.
A lembranza do teu riso
Dalle a xusta ironia á vida.
(Á Sesa, porque se riu de todo para que eu o garde.)
-30-
Xolda no pensamento
Cando, en ensoñacións,
Ven o retorno eterno
A engailorame co seu conto.
-31-
Volverán, sei que sempre,
Estando ahí,
Volverán as mesmas cousas.
-32-
Eternamente rirei cos mesmos contos.
Eternamente chorarrei coas mesmas cuitas.
Por forza, para min, só hai unha existencia,
A única, a eterna.
-33-
Teño tempo para disfrutar,
A eternidade non ten presa,
Unha e outra vez
Volverán os mesmos rostos.
-34-
Sempre que falta alguén
Ven a min
Unha arela da súa presencia.
-35-
Moitos días de eternidade:
Compre voltar á materia
Da que endexamais fuximos.
-36-
Recupero o sono
E soño mil paraisos.
-37-
Cando bebía
Da túa flor,
Vertias.
Cando bebía
Da túa flor,
Vertias esperanzas.
-38-
Os soños
Que a realidade
Cala.
-39-
As verbas
Tran silencio
Que aproveita.
-40-
Estilo no alambique;
Xa só sae
Zarangalla.
-41-
o alcol
enchoupa o fígado
e as neuronas,
o seren poucas,
andan sobradas,
tocan a moito.
-42-
O ceo abriuse para min,
Xa sei a quen máis quero.
Xa sei o que me quixeron.
-43-
Ante tódalas posibilidades
A vontade confórmase coa que lle toca
Ou desaparece.
-44-
Estamos por necesidade
Abocados ó único destino
Que por azar nos toca
De entre tódolos posibles.
-45-
A vontade resiste
Facendo chirigotas
Ou desaparece.
-46-
Saber para salvarse
Das posibilidades posibles
Ou desaparece.
-47-
Cremos que desaparece
O que nunca apareceu
E desaparece.
-48-
A Lúa move o mar
Dos meus caladeiros.
-49-
Lévame ó silencio Lúa,
Ós recantos
Das ondas máis pequenas.
-50-
O científico
É esceptico
E o esceptico
Desconfia da ciencia.
Non digo nada.
A matemática:
Credo ideal
Dos que de fins
Andan fartos.
-51-
A preguiza
Enche de filosofía
A estética
E ésta revive
Como fixo sempre.
-52-
A Forma da Materia
Ou a Materia da Forma.
Doce xugada de homes
Labrando ó seu tempo.
-53-
¡E a Liberdade!
¿Onde está o lene canto
das sereas?
-54-
Libertade,
Materia e Forma,
Causalidade toda,
Todo son flores da preguiza.
-55-
Co sangue do engano
Non rimo rimas
Rimo pedradas.
-56-
Preguiza,
Xusticieira da plusvalia,
Cobrirás occidente
E mudarás o mundo.
-57-
Nada e Todo,
Ben e Mal
Nacen na túa música.
¿Quen te corre
do meu lado?
-58-
Sen ti, que es flor,
Ningún froito
Será posible.
-59-
Soa o despertador,
Erro, azar,
Para matarte Preguiza.
-60-
Só es tempo, Preguiza,
Coma todo.
-61-
Escrita expresión
Poderías ser aniquilada,
Esquencida do colectivo imaxinario
Que ha saber de min
Aínda que sexa por outros.
Todo canto digo
É a mesma voz,
O mesmo pensamento,
Que estades a ter todos.
-62-
Non hai relacións matemáticas,
Nen teoría explicativa de conxuntos.
A álxebra é deus
Aínda que non sexa nada.
-63-
A lóxica é o que comparto
Sen dar nada a ninguén.
-64-
Aínda fica unha forza,
A vida imponse.
Quero viaxar
Coma unha gota de auga
Polo universo.
-65-
Xa non entendo cousa
Porque non hai cousa que entender
Todo se resolve en ondas.
As partículas son quimeras.
-66-
O fresco que deixou a treboada
Lévame lene
E as alucinacións esváense.
-67-
Volve a calor
E con ela o desacougo.
-68-
Hai calores
Que posuen o corpo
Para compartir con outros
Ese desacougo.
-69-
O desacougo no verau
Deixa erguerse á vida.
No inverno é outro conto.
-70-
A música fúndese
Co bruar de motores
Que dun lado para outro
Buscan o Agosto en Agosto.
-71-
Desacougo e calor
Tran arrecendos
Doutros tempos.
-72-
Cando tes a idea
Surxe o erro.
Principio sólido
Que se esvaece
Para deixar todo
Onde estaba.
-73-
Xogar a ser
O que non somos.
Topicazo verdadeiro,
Aceno do absurdo
Para deixar todo
Onde estaba.
-74-
Non hai máis facer
Que os soños que tecemos.