O LUME
Que sería de nós sen o lume. Vote, que niso consiste a democracia. E vóteme a min, aínda que despois eu non cumpra con nada do que lle prometín. Eu son a tranquilidade do sistema, a xente está no paro porque quere, que emprenda coño!, eu son a estabilidade, aínda que os pensonistas estén na ruina máis absoluta , claro non educaron ben aos fillos e agora teñen que mantelos como cando eran nenos, e vóteme a min porque as cousas aínda poden ir a pior se eu non estou…iso si, a estabilidade bancaria é a miña preferencia, iso non se toca, os ricos teñen que ter garantido o seu poder adquisitivo, senón quen vai levantar o país, aos pobres dámoslle de comer e de vestir gratis, para iso subvencionamos a Cáritas. E xa está….dentro de catro anos, ou cando me pete, volvereinos convocar a urnas e volveranme votar, aínda que vostede estea pior que hoxe…eu garántolle que se irán facendo máis pobres pero amodiño, non de súpeto. As festas do verán non serán suspendidas e poderá fartarse se se achega aos nosos actos de partido, onde se ofertarán maravillosos pinchos. No caso de non votar ao meu partido, que isto é democracia, vote a esoutro que lle está a dicir o mesmo ca min. Son a oposición, mais no fondo son boa xente, coma nós. E un consello, non vote nunca por un partido que vaia facer todo o que lle prometeu, sonlle uns mentireiros de coidado, sonlle todos iguais.