febrero 4

Queridas amigas e compañeiros:

            Quizás non sexa este o lugar nin eu a persoa axeitada para facer un discurso teórico sobre o que é ou deixa de ser o Anarquismo. Seguramente porque compriría moito tempo para desenvolver tal pretensión teórica, cousa da que non dispoñemos, e máis seguro todavía porque eu non son ningún teórico e moito menos orador, xa que como vedes tiven que escribir esto que agora leo para polo menos ser un pouco entendido por vós.

            O que si vou facer, con toda humildade por certo, é contarvos un pouco o que para min significa o feito de ser anarquista, non no plano persoal, xa que penso que ninguén pode hoxe en día considerarse tal no senso pleno, senón no plano puramente ideolóxico, plano no que o meu pensamento moral e politico, centra o tempo das súas cuitas e preocupacións.

            As miñas inquedanzas dende moi novo estiveron orientadas ós problemas existenciais, cun claro e marcado acento social. Quere isto dicir que me preocupaba a vida, e en especial a vida en comunidade. Pero para ter claro a nivel ideolóxico o que digo é esencial que saibades que de pequeno fun monaguillo, muy identificado por certo coas doctrinas de Cristo: O amor entre os homes, ese mandamento novo que o suposto fillo de deus nos propuxo. Andado o tempo, concretamente en 1977, as loitas sociais e nacionais que se daban na Galiza chamaron a miña atención e descubríron na miña adolescencia a hipocrisía da relixión. Ideoloxizaron e politizaron o meu amor á Terra que me viu nacer e metéronme na realidade social e politica que aqueles tempos traía.

            Durou este soño da razón ata ben avanzada a adolescencia, ó comprobar que o que realmente amolaba a tódolos humanos, o que facía que os problemas que xurdian no seo de calquera comunidade foran irresolubles(ou polo menos non se resolveran a gusto de todos, para ser máis preciso)non era outra cousa que o uso e abuso de poder. Ese poder non xa abstracto senón concretado en cada momento das nosas vidas. Coñecín como a xente vai mudando a súa faz cando é tocada, coma se dunha variña máxica se tratase, polo poder, coñecín como se perdían amistades e mesmo amores por culpa dos seus influxos. Teño un amigo, moi querido por certo e que realmente non ten moitas inquietudes, nin políticas ni ideolóxicas, que me dixo unha frase que non esquencerei xamais: “Se realmente queres coñecer a unha persoa dálle poder”. A frase ten a súa enxundia. Quería dicir o home o que eu xa matinara había moito tempo: o poder corrompe e provoca enfrentamentos, conflictos de intereses entre  homes e mulleres, o poder é insaciable, canto maís se ten máis se precisa, o poder engancha e arruina a dignidade de quen se lle poña por diante.

            A proba de todo isto pódese atopar no vivir de cada día. Non son as leis as que nos opremen, é a xente que as controla, os que as fan, os que as aplican, quen fai que nos sintamos oprimidos. A lei, a norma en sí, e necesaria para convivir, pero o uso e o abuso fan desta unha arma, arma que os poderosos manexan ó seu antollo para perpetuar o seu poder ou no pior dos casos para acrecentalo. O vivir de cada día amósanos a cruda realidade da política, a ideoloxía ó servizo non do benestar público, senón do poder de xentes que viven ben, que dicen ser xente de paz cando aceptan e promoven guerras e fames para seguir mantendo o seu poder, aínda que este só se nomee como poder adquisitivo. Xentes que pechan os ollos ás desgracias mentres eles poidan seguir conducindo o seu carro, mercando no hiper ou desgastando o seu corpo en enchentas infames; cheos de prepotencia e de cartos.

       Quizás de tódalas teorías de tipo social dende Rouseau, é o Anarquismo o que persiste en ter unha visión optimista do xénero humano. Pese a ser desprestixiado hoxe en día nos círculos intelectuais desta cultura occidental por utópico, o Anarquismo segue a ser un movemento que aparece como atractivo sobre todo as capas sociais medias que ven a política actual coma unha mera comparsa ós dictados daqueles que se enriquecen sen escrúpulos a costa dos máis pobres, sobre todo no chamado terceiro mundo. Estas políticas que por un lado propoñen unha moral xudeocristiá, facendo seus tamén tódolos ideais da ilustración, están por outra banda machucando coas súas máquinas de guerra vastas rexións dos continentes chamados pobres. O famoso lema “a Deus rogando e co mazo dando” faise carne na política internacional que hoxe impera no noso planeta. O neoliberalismo, que curiosamente propón como principio a liberdade total do individuo como o fai o Anarquismo, busca no libre mercado a solución para os males da humanidade e agacha, con certa malicia, que ese libre mercado é o que propicia a venda de armas a países que, cos seus gobernos corruptos, prefiren sacrificar matando de fame a grande número da súa poboación que deixar de controlar mediante a forza a todo movemento que pretenda liberar da pobreza ós miserables. Ese mesmo neoliberalismo nos mercados occidentais dótase de mecanismos estatais para protexer os seus intereses e impón cotas á producción e á comercialización, mentres nos centros de finanzas os “ricos homes de paz” enchen os seus bandullos e van á igrexa os domingos.

Estas mesmas políticas utilizan medios de comunicación de masas que aparvan a humanidade mentres outras ideas seguen soterradas pola imposibilidade de propagarse ó seu mesmo nivel. “Pan e circo” é todo canto cómpre para que a xente esqueza o sufrimento que a maior parte da poboación mundial padece. Mentres, as súas consignas, propagadas por literatos ou intelectuais ben mantidos, seguen a desprestixiar o idealismo e a utopía como fenómenos caducos, propios da xuventude e dalgúns tolos adultos que non queren medrar.

Fronte a isto, e moitos aldraxes máis que non caberían neste pequeno discurso, os anarquistas seguen a proclamar o seu ideario, que aínda que se poda tachar de utópico, é unha reivindicación de todo aquelo que o ser humano ansía tanto individual  como colectivamente: a felicidade e a irmandade de tódolos pobos da Terra na procura da supervivencia da Vida na Natureza.

Por iso o noso ideario segue a partir dunha visión de boa vontade, unha visión optimista do xénero humano e propugna:

  1. Liberdade total do individuo.
  2. Libre reunión dos individuos e grupos non forzados por ningunha institución ou organización.
  3. Liberdade harmónica sobre a base de contratos libremente respectados.
  4. Supresión da propiedade privada sobre os  medios e os bens de producción e os medios de comunicación de masas.
  5. Rexeitamento, por tiránico, de toda forma de goberno.
  6. Supresión de calquera forma de estado.

 

Non son moitos puntos e somos conscientes da dificultade que entraña levalos para adiante. Que sexamos utópicos non quere dicir que sexamos parvos, pero, polo que sabemos, cousas que noutro tempo parecían irrealizables hoxe son cotiás gracias ó teimoso esforzo de moitos. Tal vez nós non vexamos logros, pero ó que si non estamos dispostos é a que os nosos fillos perdan certos principios ós que ó ser humano lle custou  tanto chegar. Con esa ilusión e coa forza que nos dá sabérmonos infinitos na nosa intelixencia, loitaremos polo que ansiamos xa nas nosas pequenas vidas.

 

            Farto quedei da relixión, da hipocresía que utiliza a mensaxe de Cristo para manter un sistema inxusto de ricos e pobres. Farto quedei do Marxismo politizado que propón dictaduras burocráticas dun Estado absoluto, farto quedei da mensaxe dun nacionalismo que brota de politizar sentimentos de apego á terra e que propón pechar ollos e sistematizar as diferencias, perpetuando non se sabe qué. Non hai autoxestión nos nacionalismos, senón poder duns poucos, chámese élite intelectual, chamese élite económica. E farto quedei de que as propagandas subtilmente publicitadas manexen a conciencia e a vida do común das persoas.

            Non vou dicir aquí, que o anarquismo e os anarquistas sexamos a conciencia verdadeira da humanidade. Os homes e as mulleres ácratas son seres humanos coas súas contradiccións e os seus medos, cos seus erros e os seus acertos, coa súa habilidade e a súa ineptitude para mover o mundo. Pero o que si quero que saibades é que a nosa ideoloxía bebe nas fontes máis puras e xenerosas de todo saber humano, propón un método e un estilo no que o poder queda reducido o que emana da comunidade, das súas asembleias e acordos comunais. Non hai delegación de poder, non hai hipoteca dos nosos actos, non hai hipocrisía á hora de recoñecer os nosos erros. A vontade do pensamento anarquista mira lonxe, mira ó tempo no que o ser humano poida ser ceibe sen soportar por riba del a carga de infelicidade que un sistema xerárquico, inxusto e cruel, está hoxe en día a botarnos. Por iso, eu dende aquí, coa humildade do ignorante, non vos pido nengún voto, non vos pido que sintades tan sequera o que eu sinto, senón que recibades as miñas palabras, as escoitedes e actuedes en consecuencia.

 

            Nin Deus, nin Patria, nin rei.

            Todo por ningunha patria.

            Saúde e Anarquía.