enero 28

 Non poderíamos concibir ao ser humano sen o concepto de información. Aínda se podería ir máis lonxe dicindo que non saberiamos nada de nada se non fose pola información. Se podería pensar que isto é evidente, pero, ¿cantas cousas evidentes pasan diante dos nosos ollos sen nos decatar delas?

            A importancia da información, dende que andábamos nas cavernas, foi tida en conta por tódalas culturas. A súa posesión era apreciada como un ben máis, como podían ser os alimentos, ou as ferramentas para procuralos. A mesma producción destas ferramentas, por exemplo, dependía da información que se tivera acerca dos materiais para a súa elaboración, así como das técnicas para construílas. Como ben de consumo, a información era unha cousa intercambiable, e o comercio desta sempre foi importante para todos os poderes. Espías había que percorrían o Imperio Romano para dar conta dos movementos de tropas, e persoas que se dedicaban a axitar xentes con só transmitir certas informacións. No século XIX, a información, as novas que acontecían no mundo, era controlada por ingleses e franceses que posuían empresas dedicadas a este negocio. Empresas que servían aos intereses dos estados e que axudaban a estes na colonización e control de territorios ricos en materias primas.

            Hoxe en día, a guerra da información podémola atopar en tódolos recunchos da nosa vida. As cadeas de televisión loitan unhas con outras por acaparar audiencias, os xornais queren dar as novas máis frescas para chegar a máis xente, e a publicidade móstranos modos de vida preceptuados que empurran ao individuo ao consumo. A información é hoxe o ben máis prezado de calquera poder.

Se analizasemos os medios de comunicación mundial, veríamos que estes pertencen a unhas poucas familias do mundo, familias que son capaces de tirar gobernos ou poñelos, de marcar as nosas preferencias no vestir ou no comer, de manipular as nosas conciencias dicíndonos o que é bo ou malo para as nosas vidas.

            Certamente existe algo que se chama liberdade de expresión. Pero a expresión no é  libre, porque non conta cos medios( tv., prensa,radio, etc.) para propagarse. ¿Existe algo se non sae nos medios de comunicación?

            Agora está Internet, a información viaxa dun lado para outro cunha certa liberdade. Pero, se nos fixamos un pouco, veremos que as grandes empresas de sempre premen os gobernos do mundo para poñer trabas a esta circulación libre. Os portais polos que accedemos a internet pertencen a estas mesmas empresas ou senón acábanos mercando, e cada vez son máis os filtros para que chegue a nós o que queren que chegue.

A propaganda, a publicidade, cumpren ese cometido; a loita polo control da información volve a ser, como o foi sempre, o eixo sobre o que xira o poder mundial, porque por ela chégase a pusuir todo poder. Non existe pois poder sen información, de nós depende facer consumo dela sen deixarnos engaiolar. A tarefa que se lle impón ao ser humano é saber descobrir o engano para así ser máis libre e quizás máis feliz.

Non é nada novo a importancia da información, é evidente, pero conven non esquencer que a súa importancia radica  en que representa un elemento vital para o ser humano, agora máis que sempre.