TODA A VIDA MIRANDONOS O OMBRIGO
Toda a vida mirándonos o ombrigo. ¿Non somos capaces por máis que queiramos de sair de fora de nós mesmos?
Un día atrevinme a ler un xornal póndome no pelexo dun reaccinario de dereitas:”¡Hostias-dixen para min- como che cambia o mundo!-E seguindo na súa pel matinei- A moral patas arriba, xa non hai ética nin estética coma as de antes: exemplarizantes, serias, ríxidas e inflexibles.”
De súpeto dinme de conta de que un reaccionario é unha persoa romántica, que ten morriña daquel tempo no que as historias dos avós estaban concibidas para meter medo, para que os nenos non deran a vara á hora da sesta, para que non preguntaran cousas que non había xeito de expricar pola propia pobreza do pensamento. Dinme de conta de que un reaccionario non é máis ca unha caricatura, unha copia deses modais que por aburrimento ou por nugalla o ser humano non foi quen de mudar, un persoaxe que converte a ignorancia en dogma de fe, en esquema para dirixir a súa vida. E como resulta que proveñen da estirpe do poder, herdanza sanguinea ou contaxiada, amolan todo aquelo que cae baixo o seu influxo e tratan de aconchegalo á súa ignorancia:”Nada ten que cambiar agás o cambio mesmo”. E dicir, todo aquelo que incomode ó seu mundo, o seu pechado e insípido mundo.
A relixión, neste contexto, non é para el a busca de deus, senón tradición que pon orde e alivia o esforzo da razón para entender o mundo. A relixión convértese logo no ombrigo ó que mira con próspera compracencia.
Sen querer ou querendo,que non o sei, funme decatando de que todos os que miramos para o nosos ombrigos facemos deles unha especie de relixión, e aínda crendonos da esquerda máis progresista non somos máis que uns pobres reaccionarios.
“Reaccionar contra a reacción”, compre dicir; pero como non ergamos a vista do noso propio bandullo, a marea(máis negra ca do Prestige) afogará calquera esperanza, e sen esperanza só ficará o pensamento único.