TOUCIÑO E VELOCIDADE
O nacionalismo, coma ideoloxía, non é outra cousa que a politización dos sentimentos. Penso que vivir nun lugar concreto e asumir a súa problematicidade nada ten que ver co nacionalismo. O nacionalismo, como tal ideoloxía, nace nas clases burguesas de finais do século XIX, é unha resposta ó poder centralizado nas grandes metrópoles, e é a loita do pequeno capital local contra as vantaxes do gran capital que, instalado neses centros de poder, mantén estructuras de dominación supranacionais. Poderiamos facer unha análise histórica de como e porqué xurden estas ideas, dos factores idiomáticos e de producción económica, que impulsan a certos políticos a estableceren as súas diferencias coas rexións limítrofes, da débeda histórica etc. Pero todo este estudio penso que non nos corresponde a nós facelo.
Estou de acordo co compañeiro Eliseo Fernández en que o movemento anarquista non debe ser alleo á problemática local, allearse dela, pondo como escusa un certo internacionalismo, é pouco máis que un sinsentido. Agora, confundir o interese polos problemas da miña vila, das súas xentes, dos compañeiros e habitantes dun espacio que comparte moitas cousas, entre elas a lingua, digo, confundir iso co que significa o nacionalismo coma ideoloxía paréceme preocúpante. ¿Porqué? Pois por que o nacionalismo só busca a instauración dun estado, dunha máquina de poder dirixida por uns poucos, e da que debemos desconfiar coma desconfiamos de calquera que fai valer os intereses dunha minoría sobre os da maioría.
Como anarquistas teremos que vivir ó día a día de todo o que acontece, non só no noso mundo máis próximo, que tamén, e con especial atención, senón en toda a orbe terrestre, pero penso que deberíamos estar atentos precisamente a esta politización dos sentimentos que non busca máis que mobilizar á xente en pro de intereses que non sempre están demasiado claros. Dende logo que diferencio o nacionalismo de esquerdas do de dereitas, pero o que non podemos esquecer é, que ás veces e en deteminadas coxunturas, a concepción de esquerda e dereita queda desdebuxada en aras dun interese nacional. E non vos esquecer de que a dereita tradicional, que é sempre nacionalista, endexamais regalou algo a cambio de nada.
Cada un é moi libre de defender o que cre defendible, pero non mixturemos as cousas; os nacionalistas que defendan os intereses que queiran, nós, os anarquistas, bastante temos con defendermonos da opresión que, veña de onde veña, sempre nos amola.
Paco Rubinos