enero 14

Nunca lle puxera letras a ninguén. Mais confeso que cando chegou a hora non se me deu mal. O castelán non era alleo a min e dominaba tanto a escrita como a fala. Tamén quixen dar un pouco latín, contas e algo de historia natural na que me fun poñendo ao día nuns libros que para o caso fóranme prestados polo Don Francisco.

 Os días pasaban de vagar, e os nenos ían repetindo as leccións aplicándose ben. Xa se decataran de que a escola librábaos de ter que andar nos traballos do campo, cousa que parecía non lles agradar moito. Sete escolantes tiven ese ano, contando ao Lisardiño , que era o mellor estudiante. Ó chegar a primavera viñeron cinco máis mandados dende Sasamón que distaba  como media legua do castelo. No inverno non só adiquei as miñas forzas a ensinar senón que fun penetrando no mundo da lectura, e horas  pasaba lendo clásicos mentres os rapaces facían  tarefas que eu lles poñía e nas que os mantiña ocupados. Outras veces cando o tempo era bo, saía con eles a pasear polos campos e explicáballes os movementos do sol, da lúa, do cambio das estacións, leccións nas que quizais aprendera eu máis ca eles, pois manifestaban o que eu antes devorara nos libros e axilizábanme a mente dándome a coñecer o que retiñan os meus miolos e o que non, tendo moitas veces que voltar ós libros para despexar non  poucas dúbidas.

 Á luz deste vivir cultivándome, os problemas que tanto me atormentaran volvíanse insignificantes, pero non os esquencía. Seguían as grandes preguntas a bulir todos os días na miña testa e non trataba de tornalas de min, senón, moi á contra, tentaba teorizalas  ata que ficaba durmido. Eran, foron e serán sempre para min os últimos pensamentos  ós que dedico a fin do día.

Por varios anos quedei alí. O pobre cuarto encheuse de cousas ata abandonar a súa primeira  fasquía tristeira e deprimente. Pronto se construíron os bancos e o meu escritorio, acompañado dunha cadeira de castiñeiro rexa e sólida. As paredes cubríronse de mapas, o grande crucifixo xa non ficaba só e os máis avanzados dos nenos lían textos manuscritos que eu mesmo compuña co fin de ensinarlles novas palabras. Todo semellaba en perfecta orde e os días repetían a rutina excepto nas horas do meu estudio, onde eu sempre estaba a descubrir pensamentos novos. Orientaba o tempo para o meu proveito, e en efecto que o ver medrar os cativos, non  fisicamente senón intelectualmente, producía en min unha grande satisfacción persoal.

      Os nenos facíanseme canciños ben domados ós que eu podía mover ao meu antollo, e por veces esta sensación de poder dábame arrepíos e facíame prender na fala cando explicaba algunha lección comprometida. Eu nomeaba comprometidos  todos aqueles saberes nos que os sentimentos xogaban unha parte importante no seu desenvolvemento: ensinando sobre todo a igualdade cristiá dos homes ante Deus. Neses momentos parecía mesmo que traicioaba a relixión, e un sentimento de culpa mais tamén de xustiza, soaba nas miñas verbas.. Ás veces, sorprendíame lembrando conversas que mantivera anos atrás co Don Cibrán, co Frei Nicolás, e repetíalles ós alumnos as súas palabras integramente, sen esquencer punto nin coma, como se tan sabios pensamentos fosen meus, ou en todo caso dunha altísima e honorabilísima personalidade moral daqueles tempos.

Foi nunha mañá ben soleada do mes de xaneiro, aínda o xeo pingaba no alar dos tellados, cando apareceu aquel camiñante. Ó  primeiro pensei nun peregrino dos que ían a Compostela, logo puiden comprobar que era un frade e por máis escolapio. Pasou por onda min e saudoume, parándose como se me quixera demandar algo. A súa voz evocaba aquela que me deleitara nos paseos de Oseira, o seu acento era francés mais soaba un pouco afrautado en comparanza co do meu amigo  Frei Nicolás. Aquela fala trouxo arrecendos doutros tempos que eu gardaba con agarimo. Non tiven forzas para non convidalo a pasar á miña estancia e ofertalo cunha boa cunca de leite de cabra.

 O home informoume de todo canto acontecera en Francia nos últimos anos. Daquel novo xeneral, Napoleón Bonaparte, que se fixera co poder. Eu, atento, escoitaba as novas e dentro de min gardaba a pregunta que, dende velo, loitaba por me saír ós beizos: ¿E logo non coñecería por casualidade a un frade da súa orde e do seu país chamado Nicolás de Brochón?

Efectivamente que o coñecía. Anos atrás caera preso por andar recopilando datos sobre xeografía e costumes para un traballo da Enciclopedia. A nova provocou unha febre húmida que inundou a miña fronte. ¿Por que non me tería confiado Frei Nicolás a súa ocupación? ¿Quizais era un segredo e preferiu agochalo? Contoume que fora liberado polo mesmo Floridablanca a instancias da Embaixada francesa en Madrid e fora deportado ao seu país onde lle perderan a pista mesmo os seus superiores. Aínda que el coidaba que andaba por Chambery, que lle dera novas del un deputado da Corte co que se atopara nun figón da Provenza non había máis dun mes.

Non pasaron máis ca uns segundos de partir o frade ,do que non lembro o nome, e eu xa estaba onda o Don Francisco explicándolle as doenzas que aflixían á miña nai, polo que debía como bo fillo ir darlle agarimos e axudala nas desditadas horas. Por un intre, artellando a mentira, sentín realmente que a miña nai non andaba ben da saúde e viñérome ganas de trousar, sentimento que aínda fixo máis crible o meu embuste ante o cabaleiro que me deu a súa benzón e instoume a saír sen apremio. Non fixen outra cousa que mandar enselar un cabalo e darlle instrucións ao Lisardiño, que como alumno avezado ficou ao cargo da escola. Non sei se non se estrañarían de que eu en vez de tomar cara a León puxera rumbo a Burgos. A verdade é que non me molestei en finxir, estaba seguro que non voltaría a velos.