diciembre 17

Nada hai máis irracional que levar sempre a razón. A razón é algo peculiar do ser humano, un “non se sabe que” que todos sabemos. Quizá sexa unha ferramenta do noso intelecto que nos axuda a darlle sentido ó noso desenvolvemento natural, pode ser o mero cálculo, e, dependendo do filósofo, pode ser interpretada de diversos xeitos, incluído o de non existir sequera. Gustaríame distinguir dúas acepcións do termo “razón”; por un lado aquela que me atinxe a min como individuo: persoal, intransferible e íntima; e aquela que comparto cos demais: esa razón pública que elabora o discurso e que me permite comunicar certos estados de ánimo e de in-formación. E utilizo o verbo “gustar” porque esta dicotomía, que  a primeira vista se impón como axeitada á hora de enfrontar ó problema da razón, non é, unha vez que afondamos nel, consistente co que a razón mesma nos sinala.

Cando penso no que é a miña razón, aquela que describín antes como persoal, non podo desligala da razón pública, da discursiva, en tanto que a obxectividade, a busca dese sentido que faga posible a comunicación, convértese en premisa fundamental ou principio do seu uso. A Razón só se me mostra coma tal cando penso que ha ser entendida, que ha ser recoñecida: aí se dilúe o problema dese dualismo que se impón como obvio.

A razón deste xeito entendida é unha construcción metodolóxica, un puro esquema que se reforza por e para os “outros”, unha construcción na que se vai dotando de sentido ese “eu”, que busca autoafirmarse no recoñecemeto que percibe dos demais. Non hai pois razón se non hai construcción indvidual discursiva, comunicativa, e os argumentos por ela elaborados serán menos comunicativos se no esquema que ela é idividualmente se ignora o recoñecemeto dos “outros”.

Seguro que a máis de un lle doeu ollar como ante tesis ou argumentos por el expresados, o seu interlocutor respostaba con incoerencias, no sentido de non entender ben o que un lle quería dicir. O feito da comunicación ten moito que ver coa razón, por iso compre construir unha razón entre tod@s, un esquema xeral que permita saber o que queremos e sobre todo o que dicimos. A razón, é verdade, usámola, pero nunca a posuimos. A razón é cousa de todos, outra cousa é que se nos entenda.

Á pregunta de ¿quen leva a Razón? Só nos restaría por respostar que tod@s, no momento que haxa un individuo ou un grupo que se arrogue a súa posesión, debémosnos dar por fodidos.

Por outro lado é moi humano  pensar que, polo menos, algunhas veces a temos.