December 10

   Todos o saberedes, mais, por se non o souberades, agora volo conto. Un xacio é unha especie acuática, e deu en selo como continuación da fusión dos vellos deuses, nórdicos e latinos, con animais acuáticos que moraban nuns concretos ríos da face da Terra, ríos ós que se lles chamou máxicos.

            Eran unha especie metade humana, metade peixe. Humana porque os humanos foran producto tamén da fusión de deuses antergos con mamíferos, moi parecidos estes últimos ós monos.

            Teredes que saber que un destes ríos máxicos nos que viven os xacios é o Miño , que é un dos ríos orixinarios; pero os xacios, aínda que de aí partiron, habitan en tódolos ríos e mares que hai no mundo enteiro.

            Chegan a vivir entre mil cincocentos, e dous mil anos. Cada trinta e tres, equivalen a un ano da vida do home, ou sexa, que cando chegan ós mil anos teñen como trinta anos humanos. Din que por isto teñen moita máis sabiduría cós homes, o que provocou que se lles tivera por demos durante moitos séculos, e aínda que a súa lóxica e poderes son superiores ós dos homes, o seu carácter é bo e sinxelo. Endexamais se soubo que fixeran mal a ninguén, a non ser que o merecese, neses casos collían ó desgraciado e mergullándoo nas augas dábanlle un grande susto.

A súa vida é coma eles, moi simple. Dormen polas noites onde atopan augas mansas e érguense cediño, co sol. Entón buscan alimento. Comen peixes e algas do río ou do mar, e tamén teñen preocupación pola gordura; moitos sométense a dietas alimenticias para estar lixeiros e nadar polas augas con moita rapidez e elegancia. Tamén se namoran; normalmente dalgunha femia da súa especie, mais non en poucas ocasións séntense atraídos por unha muller humana. Din que entón sofren depresións, choran polo día e pola noite, e as súa bágoas fan que as augas do río se volvan un pouco salgadas.

 

Lum é un xacio de mil doucentos anos, vive no río Miño e máis en concreto na presa ou encoro, como se queira chamarlle, de Velle. A súa tez é roiba e os sus ollos grises coma a auga do río. Ten unha longas guedellas brancas que empalman cunha gran barba, longa tamén, e tamén branca, que lle baixa ata o peito, este moi liso e despoboado de pelos. De cintura para abaixo, unha preciosa cola de peixe, chea de escamas azuis moi claras, remata o seu corpo. O seu tamaño vén sendo, entre torso e cola, duns dous metros de longo.

              Como calquera xacio, Lum ten un bo carácter. É simpático e xoguetán, sendo moi difícil que se enfade con ninguén. Todo o contrario, é condescendente e sabe apreciar os problemas dos outros, ofrecéndose en moitos casos a darlle solucións prácticas e axeitadas a quen lle pide consello.

            O que máis lle gusta é erguerse coa luzada, e ollar como o sol principia a quentar as augas, xeralmente frías, do río. Gusta de nadar a moita velocidade e esculcar tódolos recunchos do seu territorio acuático, cousa que lle permite a súa ultrapotente vista de xacio, aínda que ultimamente cos anos vai perdendo as súas facultades.

            Lum coma todos os seres viventes, xacios ou non, aspira a ser ceibe coma a auga, coma o vento, coma os mares e as montañas. Aspira a ter sempre con quen falar mostrando o seu cariño e amor, mais tamén  que llo transmitan, xa que  gusta das boas compañas e dos grandes amigos. Pero a súa grande ilusión,  é poder voltar a ver á súa familia: á súa muller, Bleza, e  ós seus fillos Murun, Lasel e Ábera, así como ós fillos destes. Deles ficou separado cando fixeron o encoro de Velle, hai xa moitas lúas. El quedou por riba e eles por baixo.

A vida de Lum dende aquela é solitaria e monótona. Adícase a pescar para comer, e a tocar o seu clarinete. Nas tardes de verán, sobre todo, pódese escoitar axudado polo eco que fan as montañas. As súas melodías nos últimos anos son tristeiras e a máis dun fixeron chorar xa que as súas notas métense no máis fondo da alma e trócana en pura melancolía. O resto do día dedícao a pasear de arriba para abaixo tentando de espantar o pensamento que, lonxe dos seus, é coma unha agulla cravada no corazón.

            A verdade é que Lum, non sabe que facer un e outro día, mesmo foxe dos humanos que pescan nas augas mansas do encoro. Non quere odialos, pero no pode suxeitar un sentimento de repulsa e carraxe por quen foron os causantes da súa ruína e desgracia, á que non lle ve amaño posible.

 

            Todo principiou cando comezaron as obras do muro da presa. El vivía ceibe  e moi feliz coa súa familia. Gustaba de nadar coa súa muller, facer acrobacias e dar grandes saltos a moita velocidade para divertila. Era moi amigo de falar cos seus fillos de temas importantes e contrastar con eles as súas  opinións e pareceres. Pero en especial, amaba deitar os seus netos, ollar como estes ficaban durmidos mentres el lles contaba contos, longos e fermosos contos doutros tempos nos que a vida era moito máis silenciosa e sinxela. Así, nesta pacífica vida, as obras do encoro ían a máis.

O río cada día que pasaba discorría polos vales moito máis atoldado  e suxo, de xeito que a duras penas se podían ver entre eles, que tiñan que sacar a testa das augas para comprobar onde se atopaban e poder así saberen os uns dos outros. Non era a primeira vez que tiña chocado fortemente con penedos, mesmo cos seus fillos, ante a imposibilidade da visión que os obrigaba a andar máis despacio e con moita precaución.

            Un día no que a Lum se lle esquenceu o clarinete preto dos Peares, ó pé dunha pena, rematouse a construcción da presa e cando quixo ir buscar o instrumento, sen saber el nada, quedou preso no encoro e afastado dos seus  para sempre. Ó primeiro, negábase a crelo, pero logo o tempo veu a confirmarllo.

            O río, xa non volveu ser o que era. As súas augas axitadas e cristaliñas convertéronse en calmas e escuras, moito máis quentes e espesas, polo que a Lum se lle quitaron de cotío as ganas de nadar. Tentado estivo, en certa ocasión, de deixarse esvarar polas turbinas do salto cando estas traballaban, pero sabía que iso lle custaría a vida, e que a súa ética de xacio non permitía o suicidio, que está atrozmente visto pola Nai Natureza, e pode conlevar o castigo eterno, non só para quen o comete senón tamén para toda a súa parentela.

            Ultimamente Lum está fraquiño e con poucos pulos. A penas come; unha, pola tristura que o abrangue tódolos días e outra, porque os peixes van desaparecendo de pouco a pouco. Especies como a troita, o salmón, a anguía ou a lamprea non poden desenvolver o seu ciclo vital, que depende do libre tránsito polo río deica o mar. A comida é, pois, pouca e mala e nin as algas como as oucas, forman parte xa da vida acuática.

            Ó principio desta situación Lum tentou de falar cos homes que se achegaban á ribeira do Miño, contáballes o seu problema e todos, un tras outro, respondía o mesmo: que a solución estaba en construír canles que remontasen a presa e que permitisen a subida e baixada de tódalas especies. Tamén coincidían, por outra banda, en que esta solución, que parecía a máis xusta, non estaba nas mans deles senón nas das autoridades competentes, pero que estas ficaban sempre nos seus luxosos despachos, alleas ós grandes males da sociedade e ós  estragos que se estaban a causar na natureza.

            Solcitou Lum infindas veces entrevistas cos poderosos, mandando recado por xente de ben que se dignaba a escoitalo, mais o resultado fora sempre nulo. Unhas veces, as respostas eran positivas, e fixábase unha data para o encontro, pero Lum cansábase de esperar a quen endexamais aparecía e acababa retirándose ás profundidades máis escuras, magoado e choroso. Outras, as respostas traían mensaxes incribles, sempre apelando ó excesivo traballo que os políticos debían atender, así como o pouco tempo de que dispuñan para levar as súas tarefas a cabo.

 

            Pasado o tempo, Lum foi perdendo a ilusión, e só en moi pocas ocasións se deixaba ver polos humanos.

            Unha desas raras excepcións deuse nunha tarde de verán. Quentaba o sol polo curuto das montañas, e os paxariños, xoguetóns, voaban ó meu carón aledándome o día cos seus asubíos. Eu daba un paseo coa miña pirauga polo río, como gusto de facer nas tardiñas libres de domingo. Cando, de súpeto, apareceu aquilo na cima da auga. Por un momento fíxome dubidar se non estaría soñando, mais no momento en que Lum, que como tal se presentou, comezou a falar coa súa voz de ton grave e agarimoso, decateime de que estaba ben esperto.

El soubo de min que era escritor e gran amante da natureza, que gustaba dos animais e das plantas, dos ríos e das montañas, do mar, do vento puro petando na miña faciana. Foi falando disto e daquilo como me contou toda a historia que agora eu estou a relatar. E dígovos que chorei escoitándoo contaxiado polo nobre sentimento que este amigo puña en cada palabra e polo seu emocionado pranto. 

Cando nos despediamos, cando a sombra da gran montaña ía asulagando as augas do encoro, Lum convidoume nun derradeiro esforzo de supervivencia a escribir a súa historia para pregoala ós catro ventos. Así me dixo:

            “Eu sei que os homes son bos, que todo o mal que fan é inconsciente e sen premeditación, mais a natureza, nai de tódalas cousas, perdoa poucas veces. Os deuses, os nosos pais, ensináronnos a querela e obedecela, pero hoxe os humanos, no seu afán de consumo, de ter todo aquilo que se lles apresenta ou imaxinan, fan graves danos contra dela. Desaparecen paisaxes, animais, plantas …, nembargantes seguen cegos, actuando como se fosen os únicos seres vivintes do universo. Eu, dende a miña soidade e infortunio, prégoche que expliques ós teus irmáns a miña traxedia, que non só é miña, senón doutras especies e doutros miles de lugares e seres. Traxedia que tamén sufrides porque afecta á vosa perpetuidade na Terra. Pídoche que o divulgues con amor e agarimo, sen ningún tipo de violencia, na procura de facer a vida moito máis leda e agradable para todos. Non me importaría sacrificar esta pequena ilusión que me resta de ver ós meus, se esta mensaxe que agora che dou servira para que tódalas especies vivan xuntas e en harmonía, polos séculos dos séculos. Se así fose, a miña vida,  malia a adversidade,  servirá para que todo vaia mudando para mellor. Moitas gracias, meu amigo”.