noviembre 26

O metabolismo é algo esencial aos seres vivos. Xa o dí o refrán: “de grandes ceas están as tumbas cheas”. Pero o metabolismo no ser humano é algo máis que un proceso dixestivo. Unha reubicación da enerxía non significa só unha transferecia física ou química sen mais, producida pola inxesta de alimentos. O metabolismo no ser humano é tamén metafísico, no senso de ser algo que por agora, ainda que nos imos aproximando,non pode ser catalogado como propiamente físico: a información. O espirito, por outro lado, é iso que se nos agacha por tras, iso que non somos capaces de situar como puramente informativo: esa dúbida intelectual, moral e humana da cal non somos capaces de informarnos gustosamente.

      A metabolización informativa produce en nós ese crecente “só sei que non sei nada”; é inevitable, e intoxicámonos con cada unidade, bite de información, que introducimos nas nosas neuronas.

      É normal que un xestor de seguros, un banqueiro ou un albanel manexen ou posean fontes de información diversas, unhas coincidentes, outras non. Pero cada un manexará o seu espirito, a súa dúbida, conforme ao seu interese e proveito; cando este é satisfactorio, caralludo, cando non, esa dúbida, ese espirito é desconfianza.

      A teorización da loita de clases pon de manifesto o estado de desconfianza e recoñeceo históricamente, somos informados desta realidade e faisenos patente no noso propio contorno. ¿Que é o que impide logo, nestes momentos, que o estado de espiritos dispares teñan tan pouca desconfianza, esa morte da historia que anos atrás profetizaba Fukoyama? Moitos están conformes no estado de dereito, nas democracias ben instaladas; sen se dar conta, metabolizan esa información que nos baixa á realidade(fames, enfermidades, guerras, matanzas)sen que produza nin un leve ardor de estómago. A información é engulida e o espirito loita sen convicción. Comemos, bebemos, fumamos, vivimos “como dios” mais ou menos, sen nos decatar sequera de que o cambio sempre é posible. Ese cambio, esa revolución, está nos nosos espiritos, na nosa dúbida. Se loitas, loitas, senón deixarse de gaitas e a beber calquera clase de bicarbonato.