PARA @S PEREGRIN@S
Non sei exactamente cantos peregrinos chegaron neste derradeiro Xacobeo. Seica uns millóns. Todos chegaron a Compostela e foron, seguramente, ben recibidos. Comeron, bañáronse e tiraron polo menos unha vez da cadea do retrete. Esa auga que corría polos seus sanitarios é a mesma que eu estou a ver agora no Sar, aquí por Bertamiráns. Esa auga que baixaba clorada e clara agora é coma “café con leite, cunha escumiña graciosa que mesmo dá gañas de beber dela”. Que milagre! Deus, o Apóstolo e o servizo de augas converten o líquido elemento en algo polo que temos que pagar preto dun euro en calquera cafetería.
Non toleei, simplemente estou a citar malamente as verbas dunha nena que, coma min, contemplaba o río Sar nun bo día de outono.
Que é o que pasa coa depuradora de augas residuais?
Santiago é ecolóxico e ecoloxista. Colectores de lixo separados e soterrados para que non cheiren, grandes parques con lindo céspede e moitas cousas máis que abruman ao visitante. Mais quixera eu que moitos destes europeos, relixiosos ou non, que deixan os pés no Camiño, baixaran cara Roxos e ollaran como vai o río Sar a partir da depuradora. Como, cando chove, a auga sae peor de como entra, pois a capacidade da mesma é para unha vila de 20.000 habitantes ou pouco máis. Moito Xacobeo, moita capitalidade europea, moita cidade da cultura pero o importante, o que en verdade fai a unha cidade digna dos seus moradores, e de todos cantos a visitan, é o respecto ao medio ambiente. Que pasa? Que non hai cartos para sanear e si para macro proxectos de formigón?
Por favor, señores políticos, se isto é así, dígannolo abertamente, aínda quizás esteamos a tempo de facer unha subscrición popular ao pe da entrada da catedral, e sexamos capaces de recolectar o diñeiro que faga falta para construír aquilo que, porque non se ve, non lles preocupa.
Sinto vergonza allea de facer este escrito, mais que nada porque ter que dicirlle a alguén que se lave resulta bastante desagradable.