noviembre 5

 

Eu son un burgués, un burgués pobre, consumista e intelectual. Pero son un burgués dos de aquí, dos que no mes de agosto apaña as castañas e dá ás viñas a última man de sulfato.

Coma min hai moitos. Algúns non apañan patacas pero lavan o coche ou ven televisión, ou adecentan o xardín que está murchadiño, mentres pensan na cea dos venres.

Ningún está en política, pois ben sabido é do burgués que a política só produce desgustos:”sonche de aquí pero militar non milito”.

 Ser burgués nesta terra é algo circunstancial, insignificante, como si foras un ninguén. En menos dun século pasou o labrego galego a burgués, e isto non tería nada de especial, xa o materialismo dialéctico prevera tal cousa, senón fora porque por primeira vez na historia universal todo un pobo( clases máis baixas porsuposto)muda a ser burgués da noite para a mañá.

Galicia, “Cidade única” que dixera Fraga, todos burgueses por decreto. Aínda que en toda maceta de calquera casa haxa unha horta en miniatura.

Son burgués de aquí e non me doe dicilo porque a honra de labrego e a indiferencia de fidalgo impregnan os meus xenes. Amansáronos, pero por embaixo desa mansedume latexa a idea de ceibar non se sabe que..

Os burgueses de aquí andamos nas altas construccións filosóficas, tratando de darlle sentido, non xa ás nosas vidas, senón á política global, as guerras de civilizacións,á conquista do universo. Levamos o penedo de Prometeo ás nosas costas coma se fora o chaveiro no que outros humanos levan normalmente as súas chaves.

¡Pero ollo! Aquí, en Galicia, ninguén dirá en público que é un burgués, a palabra en si está proscrita, mal vista. Así uns dirán que veñen do campo e falan galego de “toda a vida” e outros ensinaranche o brasón familiar dicindo que non poden co galego, que o importante non é o idioma no que se din as cousas senón as cousas que se din. Os uns mostraran automóbiles impresionantes polas estradas, os outros disimularán a súa penuria económica mofándose da ostentación dos demais. Pero, como pauta ben fundada, todos quitarán importancia ás súas pertenzas. E é que o burgués galego, malia todo, non ten envexa, no é español, o único que precisa é poder seguir gozando das vacacións pagadas e das tapas dos domingos.

Non é mala vida a do burgués mentres siga ilusionado coa súa propia mentira: “por riba de min só está o capital, que é impersoal, unha abstracción no intelecto”.

Mais isto acábase amigos, o engano xa non move a imaxinería, hai nomes e apelidos que manipulan por riba das nosas testas, e isto xa non o atura o burgués porque o converte en proletario, aínda que só sexa en conciencia.