octubre 15

Frei Nicolás petou dúas veces na porta  e de seguido sentimos unhas falas e remexer no ferrollo. Unha voz demandaba a nosa presentación, así que eu adianteime a facela por se o sotaque estranxeiro do meu compañeiro puña trabas á nosa acollida. Ó abrirse a porta, o home envolveito nunha manta vella e raída falounos amablemente. Preguntounos a nosa procedencia,  e o meu frade apresurouse a respostar, como antes fixera eu, pasando por alto o de Ourense. Nós viñamos de Oseira e a noite, por descoñecemento do terreo, colleunos no camiño. Só precisabamos un teito e algunhas pallas para facer un sono.

Mentres eles falaban eu, por riba do ombro do noso pousadeiro, vin moverse unha sombra que pouco a pouco se foi clarexando ata formar unha persoa.

Ámbolos dous, ao verme reparar naquela beleza volvéronse cara a ela que, espantada, fuxiu por unha das portas. O home disculpouse pola súa muller; aínda era moi nova e tiña pouca idea sobre o senso do pudor.

A noite non foi tranquila de todo. Engruñados nun dos sacos de liño, sobre unhas pallas secas, tentabamos de chamar polo sono cando unhas voces de troula romperon na escuridade. Petaban na porta e chamaban polo muiñeiro, profesión na que non repararamos nin eu nin o meu compañeiro. Varios homes berraron insistentemente ata que o pobre do home abriu o portón. Os que viñan perturbar a noite  querían que lles moese un saco de millo, o que a todas luces  era algo inusual a tales horas. Os recén chegados insistían e o muiñeiro non tivo elección. Debían vir bébedos pois a súa fala denotaba certa exaltación.

As voces afastáronse, aínda que seguían dentro da casa. Eu, posuído dunha forza estraña, erguinme do leito e abrín a porta que daba a unha especie de almacén cheo de ferramentas nas que non reparei cousa, e onde estaba a  porta  principal. Mirei para un lado e para outro e vín saír dunha estancia a luz dun candil. Parecíase escoitar un rumor de falas apagadas coma as que utilizamos nas igrexas cando falamos con alguén para non estorbar a oración dos demais. De a pouco, funme achegando ata que xa colocado no limiar da porta comprobei de quen eran as voces. Un home con vestimenta propia dun fidalgo, de costas a min, tentaba convencer á noviña muiñeira de que xacese con el. Os argumentos que lle ofertaba era estar namorado dela dende que a vira e tamén que el era novo, ben parecido e fidalgo, mentres o seu home era vello, feo e vulgar. Ela retiña o riso e coqueteaba con el un pouco nerviosa, supoño que pola cercana presencia do marido, mais de ningún xeito cedía ás propostas do cabaleiro, que algunha labazada levou nos seus intentos.

Nese mesmo intre fortalecíanse as voces que entretiñan ao muiñeiro como se viñesen cara min. O fidalgo rouboulle un bico á moza e fuxiu pola fiestra que a muller se apresurou a pechar. Frei Nicolás saíu e achegouse.  Inmóbiles, sen saber que facer, o meu frade e mais eu agardamos ós homes que saían dunha das portas contiguas que sen dúbida conducía ao muíño. Viñan estes dando as gracias ao muiñeiro por ser tan amable e facerlles o servicio a horas tan serodias. O máis argallán púñalle por tras os cornos feitos co maimiño e o furabolos da dereita, que baixou cando nos viu a nós pondo cara de coitado.

Frei Nicolás  non deixou que o muiñeiro abrise a boca, por máis que o tentou ao vernos alí a nós. Contoulle que nos espertaran uns berros inquedantes, feitos, como máis tarde soubemos,  pola dona da casa  atormentada por un pesadelo terrorífico que nós escorrentaramos. Non rematara de falar, cando a muller saíu dándolle as gracias ao meu compañeiro por ter sido tan piadoso co seu padecemento mentres este, sacábase importancia por telo feito.

Os homes tentaban disimular o riso, e a verdade é que non o facían moi ben porque o pobre muiñeiro ficaba atordoado ollando para todas as caras coa face desencaixada semellando desconfianza. E así ficou, quediño, ata que todos os que alí estabamos  fomos desaparecendo.