October 8

Todo na vida, aínda que pareza inocente dicilo, ten un sentido. É, este sentido, a razón que nós poñemos en estructurar a realidade. Todo ser humano vive para o sentido. O sentido non é máis que un exercicio instintivo que supón a supervivencia do individuo. Todo precisa ter sentido para existir, polo menos ante os nosos ollos. Cando un atopa algo que considera un sinsentido, preséntaselle ó pensamento a ansia incorrixible de buscar explicación, de buscar sentido. Claro está que si non llo atopamos, abandonamos ou esquecemos ese algo, ou deixámolo para mellor ocasión. Tamén existe, como non, a saída relixiosa da crenza. A cultura, segundo esta miña teoría, non é máis que un sinsentido cronolóxico que empurra ó ser humano a seguir sendo tal, en canto que cando entra en contacto consciente con ela, o caos, o absurdo, o irracional ocupa toda a intencionalidade do seu pensar. O caos, a falta de orde, non é un estado natural da imaxinería humana senón do medio que nos arrodea. Só na orde, na clasificación, calquera que sexa, vimos atopando a nosa propia natureza. Xa sei que para moitos as teorías da irracionalidade e do caos teñen un  certo atractivo, pois representan a intriga e a emoción do descoñecido, do sorprendente. Non obstante, que ninguén se engane, tanto o caos como a irracionalidade sen a razón ordenadora serían irrecoñecibles. Non vos deixedes enganar, estes conceptos non son máis que productos da cultura, cultura que por moito que nos empeñemos en darlle sentido segue sen telo. Usar a razón imponse coma  o único xeito de nos defender dela.

Mais a razón non é algo pechado, nin doadamente definible, só nós mesmos sabemos cando a empregamos ou cando nos abandonamos renunciando ó seu uso: Impóñennos así as modas, os gustos e moitas veces as ideas que debemos manexar. Deixamos que o sentido veña determinado de fóra e, de súpeto, ollámonos facendo cousas a desgusto, non conformes coa nosa razón. A cultura, dinnos os que dela cren entender, é todo o quefacer do ser humano, e moitos atrévense  incluso a limitar o seu campo decidindo o que é ou non é, isto ó que eles chaman cultura con maiúscula. Ben, pois eu dígovos que a cultura non é máis que un sen sentido, en canto que é unha busca do sentido. Se nos deixamos arrastrar polos que pretenden amosárnola como algo acabado faremos imposible a nosa propia busca, o noso propio sentido e a nosa propia razón.

Cultura é unha palabra que ven de culto, e o culto sabemos que só nos leva á superstición e ó medo. Todo canto fagamos procuremos que estea baixo o influxo da razón, deixemos a cultura para os cultos sen lles facer moito caso, eles están na crenza, nós na busca.                            

 

                                                     Paco Rubinos