October 1

¿Quen sabe o que é a arte ou deixa de ser? Os intelectuais falan e falan pagados polos medios para os que traballan, e dilucidan o traballo dos homes que teñen ocorrencias, e clasifican esas ocorrencias: eslamiado, tópico, inxenuo, marabilloso etc. Falan cunha voz suprema, coma o eco dun ser divino que xulga e lexisla. Pero a maioría, se lles preguntaramos que é para eles a arte, non serian máis que papagaios recitando a escritura de históricos pensadores, nunha restra de vagos argumentos nos que o concepto xamais podería ser descritivo, virían con aquilo de que arte é a capacidade de crear beleza, que a arte non é artesanía, de que compre unha vasta cultura para ser capaz de expresar calquera arte, de que o traballo é fundamental para o feito artístico e que non se lle pode conceder todo o mérito ás musas, etc.

Dicía un vello retrinco en castelán:”¿Que es el arte? Pués Helarte es morirte de frío.” Pero non é verdade. A arte é ferver ata as orellas, encherse de forza e estoupar ante os demais humanos, amosarlles na crúa e espida existencia o que un é: Sexa un un pringado, un exquisito esteta ou un sentimental desnortado. A arte é buscar cando nos peta, e canto nos peta, aquilo que todos buscan, e estampárllelo na face á sociedade toda, por riba de modas ou criterios. Por iso, na producción de calquera home, o concepto de arte debería cinguirse á persoa e non á obra, debería dicirse se un home é artista ou non, e tomar como criterio o seu desafío, o seu xeito de estar espido fronte os demais, a falta de pudor e o ímpeto da súa pegada. Non importa que sexa artesán ou albanel, calquera que loite por vivir ceibe e llo mostre os demais merece ser tido en conta, con desprezo desas cacatúas, memorias de disco, ensimesmadas no seu gueto, na súa fama culta e de estirpe, e endeusadas no seu poder mediático e de fachenda.

O gusto, teorías do gusto caeron como can as derradeiras follas dos carballos cada inverno. Castes de cuasifuncionarios estatais, intelectuais ben mantidos, son hoxe sombras ou nada. ¿Quen pode dicir, quen pode xulgar o que é ou deixa de ser arte? A arte é nada máis nin nada menos  que o producto dos artistas. Todo o demais son trapalladas do sistema, economías das que pouco entendemos, a non ser que enchen os petos daqueles mesmos que lles pagan os que deciden o que é ou deixa de ser a arte.

A beleza atópase en tódolos camiños que elixe o home, pero saber que é a beleza entra na depravada ou santa subxectividade do individuo, no tempo que habita, na saciedade do seu bandullo. A arte, por riba de todo, segue a roer na historia e imponse como o único fío conductor da nosa memoria, por riba de criterios e caprichos.