octubre 1

Frei Nicolás ficou en Oseira debido á precariedade do tempo. Illados do mundo, a neve a caer sen acougo,  enchíamos os días con conversas sobre temas moi dispares: a xente, a historia, a filosofía, a retórica, a poesía, a Igrexa. Esquencín por completo as doenzas do meu querido don Cibrán e o meu pensamento só se concentraba nas ensinanzas que recibía naqueles doces paseos polo claustro ou nas curtas estadías na biblioteca. O señor Abade nin reparaba en min. Moitas veces cruzábame con el, que sempre ía de camiño a algures, e nin ollaba para a miña face.

Unha mañá erguinme do leito e ao mirar polo pequena fiestra da celda comprobei que o tempo mellorara e claros de herba verde deixábanse ver entre a neve. Puxen a sotana e apresureime a baixar ao templo, onde  Frei Nicolás estábase a despedir dun frade panzudo de aspecto bonachón. Axiña, despois de que o outro se afastara,  pregunteille ao meu amigo a que viñan esas despedidas, ao que el respostou que tiña que proseguir a viaxe. Penso que se fixou no efecto que tal nova produciu en min. Acendéronseme as meixelas e unha calor húmida bulíame por todo o corpo. Para tranquilizarme, visto o meu estado, soaron na súa boca palabras de consolo e agradecemento.  Insistín en que podía volver a nevar e quizais conviña esperar un ou dous días para ver se se estabilizaba o tempo. El daba argumentos na contra das miñas intencións, que facían da súa inminente marcha unha cuestión de feito. Nestas pláticas, fomos os dous ata a cociña por mirar de comer algo, e xa alí, mentres o Frei Nicolás comunicaba a súa marcha ós cociñeiros, eu dáballe voltas ao maxín buscando unha solución ao que para min representaba un incomodo: abandonar a compaña de tan bo e sabio home. E atopeina. Sen mediar palabra saín da cociña cara ao claustro, bordeeino e subín rapidamente as escaleiras que levaban á miña celda. Recollín nun fato as miñas escasas pertenzas e busquei ao Abade a toda présa. Estaba na Sancristía ordenando unhas follas nun cartafol, comuniqueille que voltaba a Santiago e que a miña estadía entre eles fora moi proveitosa para a miña formación. Contestoume que pensaba que eu xa tiña marchado, e que considerara ben raro que o fixera sen despedirme. Mandoume axoenllar e  deume a súa benzón facendo no ar o sinal da cruz.

Vin dende un outeiro como saía Frei Nicolás . O seu paso era firme e longo, tripaba na terra sen mirar para ela. Os ollos dende lonxe semellaban mirar altivos e fixos cara ao cercano e curto horizonte. Agardei por el mentres maquinaba nas explicacións que lle ía dar sobre a miña actitude: pretendía seguilo coma discípulo. Pero cando nos atopamos, esvaeuse todo canto tiña pensado dicir e espeteille en dúas palabras a miña decisión.

Ó primeiro, a reacción do frade foi de comprensión, ollaba para min de arriba a abaixo facendo un aceno de burla indicándome o meu mofante proceder. Logo, máis serio,  disculpándose polas súas gargalladas e invitoume a desistir de acompañalo. Faloume do fado dos homes, de que cadaquén tiña que andar polo seu camiño. Ladaíñas que eu xa aprendera antes e ás que nunca fixera caso; quizás o meu destino estaba en ir tras dos homes ata que a morte viñera a buscarme. El insistiu con grandes verbas e no remate, vendo que a miña  cisma non mudaba, chegamos ao trato de que eu andaría uns días con el e logo voltaría a onde me correspondía. Emocionado, asentín.

Así emprendemos a marcha cara ao Burgo de Ourense, ou Ourense das Burgas, que endexamais lembro cal dos nomes é  axeitado, cousas do tempo e da memoria.